Evacuada en helicóptero en Cervantes unha muller atropelada por un tractor

a voz LUGO

CERVANTES

Una pista de Cervantes, cerca de Deva
Unha pista de Cervantes, preto de Deva ALBERTO LOPEZ

Este domingo tamén houbo tres feridos nunha colisión entre dous turismos en Santaballa, Vilalba

03 sep 2023 . Actualizado á 19:32 h.

Unha muller que sufriu o atropelo dun tractor no municipio lucense de Cervantes tivo que ser evacuada en helicóptero. Os feitos ocorreron na tarde deste domingo. Foron os propios profesionais sanitarios os que chamaron ao servizo de urxencias 112 Galicia, ás 17.45 horas, para solicitar apoio para a aterraxe do helicóptero medicalizado con base en Ourense no lugar de Vilasante.

Segundo a información facilitada polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a pesar de que a muller estivese liberada, a zona na que se atopaba era de difícil acceso e sería necesario achegala ata o punto no que estaría a aeronave. Poucos/Pouos minutos despois, o helicóptero tomou terra no lugar dos feitos.

Nada máis ter constancia da situación, os operadores do CIAE-112 Galicia solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil da localidade.

Tres feridos nunha colisión entre dous turismos en Vilalba

Por outra banda, sobre as dúas e cuarto da tarde deste domingo, tres persoas resultaron feridas nunha colisión frontolateral entre dous turismos que se produciu na parroquia vilalbesa de Santaballa.

O accidente ocorreu no punto quilométrico 5,400 da estrada LU-861. Ao parecer, un dos vehículos tratou de virar cara á esquerda e impactou contra o outro coche, no que viaxaban dous mozos.

Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Bombeiros de Vilalba, varias patrullas da Garda Civil de Tráfico, persoal de mantemento de estradas e dúas ambulancias, que evacuaron ao hospital aos tres feridos. Non foi necesaria a excarceración dos feridos.