A comisión de festas do millón de euros: «Está claro que este ano temos que facer algo especial»

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

La alegría invadió San Paio el pasado 22 de diciembre
A alegría invadiu San Paio o pasado 22 de decembro CEDIDA

O colectivo da parroquia de San Paio (Castroverde) repartiu 200 décimos do quinto premio do sorteo de Nadal en negocios e veciños da zona

30 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A parroquia de San Paio, no municipio lucense de Castroverde , terá este verán as mellores festas populares que teñan visto os seus veciños. Ou, polo menos, esa é a intención da comisión organizadora. Todo se lles puxo de cara para crear unha celebración para o recordo. Sobre todo, no ámbito económico.

O pasado 22 de decembro, a sorte visitou San Paio. A lotería de Nadal regalou 1,2 millóns de euros, repartidos en 200 décimos de 6.000 euros cada un. A comisión de festas foi a encargada de recollelos na administración do Concello de Riotorto que os despachou e de repartilos entre os negocios e os veciños de Lugo e Castroverde.

A comisión organiza cada ano as festas patronais de San Paio en honra a San Ramón, no mes de agosto. É unha responsabilidade que pasou de pais a fillos durante anos. Para financiar a celebración, os seus membros buscan fórmulas de diversa índole. Para pagar os gastos das próximas patronais, os organizadores pensaron fai uns meses que vender décimos de lotería non era unha mala opción. E poida que fose a mellor idea das súas vidas.

Un socio foi a comprar os boletos a Riotorto

Por primeira vez, este ano puxéronse en contacto cun representante que lles asesorase na organización das súas patronais. Este home, coñecido de varios membros do colectivo, foi quen lles recomendou vender décimos de lotería para financiar o evento.

Foi el quen lles deu a escoller cinco números que ofrecía unha administración de lotería coa que mantiña unha boa relación. Laura Alonso, unha das responsables da comisión, elixiu o 37038. O seu representante, entón, foi ata o municipio de Riotorto a facer o pedido. En total, 200 décimos dese número. Logo, entregoullos aos responsables de San Paio, que empezaron a vendelos por onde puideron.

«Amigos, compañeiros, negocios, familia... Todos quedaron con algún boleto», lembra Laura. A lucense, de 26 anos, foi unha das encargadas de repartir os décimos. «Cada un tiña un recargo de tres euros a maiores dos 20 euros que custa, así levábamos algún carto extra para a festa», explica. 

O bar Casa Senador, a empresa Almacenes Fórneas e a barbería Chus, de Castroverde, fixeron unha compra de varios décimos, que tamén foron repartindo. «O resto fómolo vendendo polas festas, polas comidas, con amigos, no traballo...», resume a responsable. 

Quince confirmados por unha «broma» que se converteu en real

Incluso a Igrexa levou un pico. E por un motivo bastante curioso. «Eu e máis unhas veciñas sempre bromeábamos con Nicolás, o cura da parroquia, con que non estabamos confirmadas. Pois, un día, a broma pasou a realidade, e convenceunos. Entón, organizou a ceremonia da confirmación, e despois fixemos unha comida con bastante xente. Alí vendimos un montón de décimos e el e un par de curas máis levaron algún boleto premiado», rememora Alonso.

Incluso o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, acudiu á celebración. «Cando se enterou de que íamos confirmarnos 15 persoas dunha vez, quixo vir. Logo quedou á comida, pero penso que non comprou ningún décimo», aclara Laura.

Pouco despois, celebrouse o sorteo da lotería de Nadal. Laura nin sequera estábao seguindo en directo. De súpeto, unha chamada. «Era meu pai —lembra— dicíndome que tocara un quinto co número da comisión. Pensei que estaba de broma, pero entrei nun bar e xa o vin na televisión». 

A noticia empezou a correr como a pólvora entre os veciños de San Paio. 200 décimos vendidos, cada un agraciado con 6.000 euros. En total, 1,2 millóns

O resto de boletos vendéronse no municipio de Riotorto, onde se atopa a administración que os despachou, e en Lourenzá, xa que un bar do concello comproullos directamente a ese negocio. O resto, para Castroverde.

Unhas festas cun orzamento inédito

«Esa mesma noite xa nos xuntamos todos para celebrarlo. Foi un soño, a verdade», conta Laura. 

Desde entón, unha pregunta hase multiplicado nas súas conversacións. Que teñen pensado facer nas patronais que organizarán este verán? «Temos moitas ideas, pero de momento nada pechado. Está claro que, aproveitando estes cartos, tempos pensado facer algo especial este ano. Aínda non se pode dicir o que», comenta Alonso.