Estes actores de Castro de Rei cumpren 50 anos de amor ao teatro

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

CASTRO DE REI

Os membros ensaian no teleclube, hoxe chamado Centro Cultural Xosé Manuel Carballo
Vos membros ensaian non teleclube, hoxe chamado Centro Cultural Xosé Manuel Carballo ALBERTO LOPEZ

O grupo Os Baluros celebra as súas vodas de ouro cos escenarios

28 jul 2022 . Actualizado ás 13:46 h.

Puro teatro en Castro de Rei. Así pode definirse o que senten os membros do grupo Os Baluros, que celebran os seus 50 anos de amor á arte escénica. A relación co teatro é aínda máis antiga nesta vila do corazón da Terra Chá, pois a finais dos sesenta naceu un grupo de teatro vencellado co teleclube, que se abrira uns anos antes nun edificio distinto do actual. A historia deste medio século ten nomes propios: Xulio Pita, José Antonio Carballés, Pepa Carballés, Julio Canto, Domnina Naval, Ignacio Rodríguez, Antonio Carballés, Ana Regueiro e Amadita Yebra forman o grupo, ao que cómpre engadirlle o nome de Pilar Sagarra, que actúa como apuntadora.

Andando os anos setenta, o grupo tomou o nome actual, co que acadou sona dentro e fóra de Galicia. Porén, a primeira idea do teleclube non se dirixía á creación dun grupo de teatro senón á posta en marcha dunha agrupación folclórica. O custo de comprar instrumentos para tocar acabou levando aos rapaces cara ao teatro. Olga Vila, Gonzalo Quiroga, Teresa Souto e María Real foron os primeiros directores, e «Non chores, Sabeliña», zarzuela cuxo texto foi escrito por Xosé Trapero Pardo, a primeira obra levada á escena.

O grupo, representando «O menciñeiro» á forza hai anos
Ou grupo, representando «Ou menciñeiro» á forza hai anos ALBERTO LOPEZ

Pepa Carballés acode dende Lugo, onde vive, a Castro de Rei cando o grupo ensaia antes da representación dunha obra. Algo máis longa é a viaxe de Julio Canto, que se despaza dende Burela. Eses esforzos resultan algo máis lixeiros porque hai unha forza común que os move. «Únenos a amizade», di Pepa Sagarra. «Esa é a clave», subliña Xulio Pita. Tras a primeira obra foron chegando outras, entre as que figuran títulos tan coñecidos da literatura galega coma «Os vellos non deben namorarse», de Castelao. De todos os xeitos, hai dúas que teñen un posto de honra na historia de representacións do grupo: «O menciñeiro á forza» (de Molière, con adaptación de Xosé Manuel Carballo) e «Vaise pechar unha casa máis» (de Xulio Pita).

Morte de Franco

Esa, a segunda que o grupo levou aos escenarios, ten o valor simbólico de ser escrita por un dos membros. Pero tamén posuía un evidente significado cando apareceu, nuns tempos nos que a morte de Franco semellaba ser a porta a moitos cambios. Pita, irónico e algo escéptico, admite que aquelas ilusións perderon forza en contacto coa realidade: «Cambiaron os cans», di. O que non lle faltou ao grupo, no entanto, foi capacidade para conectar co público, tanto nas representacións desenvolvidas en Galicia coma nas que se fixeron noutras comunidades. Unha espectadora de Hospitalet de Llobregat botouse a chorar cando comezou a ver «Vaise pechar unha casa máis» e non parou ata o final;  e cando os membros do grupo lle preguntaron a razón de tantas bágoas, ela expresouse con claridade: «Estades a contarme a miña vida», lles dixo.

Unha reprentación de «Vaise pechar unha casa máis», de Xulio Pita
Unha reprentación de «Vaise pechar unha casa máis», de Xulio Pita ALBERTO LOPEZ

Canda os membros que pasaron polo grupo estes anos (algúns xa morreron), hai outro nome sen o cal Os Valuros non terían chegado quizais ao nivel acadado. O crego Xosé Manuel Carballo (1944-2017), nado na parroquia de Goberno, dirixiu Os Baluros e conseguiu que o colectivo levase o nome deste lugar da comarca da Terra Chá por moitas vilas e cidades. Pasados tantos anos, os membros salientan que a reacción do público é un pulo para seguir actuando, aínda que tamén eloxian e agradecen o apoio e a boa disposición do xornalista Xulio Xiz.

Mostra de teatro

O teleclube, que agora se chama Centro Cultural Xosé Manuel Carballo, acolle os ensaios do grupo. Para celebrar estes 50 anos, ademais, nese edifciio está prevista unha mostra de teatro, que comezará este sábado. O grupo Abrente (As Nogais) representará «A análise de sangue» e «Vivir dignamente no rural». As seguintes representacións chegarán nos catro sábados seguintes: os grupos Quemaisten (As Pontes), O Torques (Burela), Remocicarte (Puerto de Vega, Navia) e Os Baluros, cunha nova representación da obra «O menciñeiro á forza, completarán o programa. Todas actuacións terán lugar ás oito e media da tarde.

«Vaise pechar unha casa máis» é unha das obras máis representadas polos Valuros
«Vaise pechar unha casa máis» é unha dás obras máis representadas polos Valuros ALBERTO LOPEZ

Tantos anos despois, non só os ensaios lles causan ilusión, senón que os minutos anteriores ás actuacións adoitan estar acompañados de nervios. Todo iso semella pagar a pena: «Todo o mundo está porque quere», di Julio Canto.