O uso do sílex diferenciou ás dúas especies

La Voz

BECERREÁ

18 sep 2014 . Actualizado á 07:05 h.

O xacemento de Cova Eirós é un dos poucos da Península que conteñen á vez rastros dos neandertales e do Homo sapiens, o que lle outorga un interese científico excepcional. Esta circunstancia permite comparar as diferentes estratexias seguidas por unha e outra especie para sobrevivir no mesmo territorio e cos mesmos recursos. A principal diferenza neste aspecto, segundo indica Arturo de Lombera, está no uso das materias primas.

Tanto os neandertales como os Homo sapiens que viviron en Cova Eirós utilizaron principalmente as cuarcitas -abundantes na zona- para fabricar as súas ferramentas. Os primeiros usaron cuarcita gris de gran fino, pero en ocasións tamén recorreron ao cuarzo, un material bastante máis difícil de tallar. «Hai moi poucos sitios en Europa onde se atoparon ferramentas neandertales de cuarzo», sinala De Lombera a este respecto. «Isto indica que sabían adaptarse moi ben ás materias primas dispoñibles neste territorio e aplicarlles as técnicas de talla que coñecían aínda cando os materiais non fosen os máis adecuados».

Os Homo sapiens que os sucederon tamén utilizaron as cuarcitas de gran fino, pero ademais -e isto diferénciaos dos neandertales- fabricaron utensilios de sílex, un mineral que non se atopa na zona. «A técnica de talla de tipo laminar que empregaban requiría uns materiais de maior calidade e por iso investían máis tempo e máis enerxía en buscar os minerais que necesitaban», apunta De Lombera.

Por agora, os arqueólogos non puideron determinar a procedencia do sílex, pero as análises mineralóxicas indican que este material está asociado a afloramentos de roca calcaria. «Hai estudos xeolóxicos que mencionan a presenza de afloramentos de sílex deste tipo na zona norte de Becerreá e é posible que fosen buscalo alí, pero nós aínda non puidemos localizar eses afloramentos sobre o terreo e por iso non se pode asegurar que os Homo sapiens de Cova Eirós obtivéseno nesa zona», engade De Lombera.