
Catro bombeiros de Sarria tiveron que descender 300 metros por unha pendente do 40% para chegar ata a condutora dun vehículo, levada en helicóptero ao hospital en estado moi grave
18 ago 2025 . Actualizado á 20:28 h.Unha muller sufriu esta tarde de luns 18 de agosto unha caída co vehículo que manexaba por un barranco nunha zona de montaña sobre o nacemento do río Eo entre os concellos de Baleira e A Fonsagrada, producíndose feridas de gravidade. A zona onde se produciu o accidente, ao ser moi empinada, obrigou ao servizo do 112 a pedir, minutos antes da cinco da tarde, a axuda ao helicóptero do Servizo de Gardacostas de Pesca 2, con base en Celeiro, e dependente da Consellería de Pesca, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención.
Os catro bombeiros do Parque Comarcal de Sarria foron capaces de rescatar á muller da caída por un terraplén duns 300 metros e cunha pendente do 40%. Conseguiron levala desde o fondo do barranco ata a estrada, onde a agardaba o helicóptero medicalizado do Sergas, que a trasladou a un hospital en estado moi grave.
Ao producirse os incendios de Ourense, o servizo de emerxencias 112 solicitou o apoio dun dos helicópteros Pesca para a coordinación aérea dos incendios de Galicia. Por iso, tras confirmar co Xefe de Salvamento que esta opción é viable produciuse á coordinación para a prestación do servizo solicitado entre os montes de Baleira e A Fonsagrada, en concreto entre os lugares de Fórneas (Baleira) e Silvadrosa (A Fonsagrada), preto da LU-P-1903, e onda os primeiros quilómetros do río Eo.
Os Bombeiros de Sarria que foron capaces de chegar ata o fondo do barranco tiveron a axuda da Garda Civil e de Protección Civil para poder iniciar as manobras para subir á muller ferida ata a estrada e levala un hospital para avaliar o seu estado de saúde.