As neves cobren a montaña de Lugo

La Voz LUGO

BALEIRA

As quitaneves traballan arreo en zonas como O Cebreiro, Cervantes ou Baleira

05 ene 2024 . Actualizado ás 15:27 h.

Lugo loce o seu primeiro manto branco do ano 2024. A neve chegou este venres ás zonas máis altas da montaña lucense nunha xornada de moito frío e fortes precipitacións, en forma de choiva en cotas baixas e de neve nas altas.

Zonas como O Cebreiro, Baleira, As Nogais ou Cervantes lucían unha importante capa de neve, que caeu desde primeira hora da mañá. As máquinas quitaneves traballaron arreo desde temperán para paliar os seus efectos nas estradas destes municipios. 

Previsión

E é que tanto a montaña de Ourense como a de Lugo están en alerta amarela por neve este venres, ao entrar en circulación desde o noroeste unha fronte de aire frío e inestabilidade.

Segundo Meteogalicia, esta fronte deixará chuvascos de neve a partir dos 800 metros. Entre as 00.00 horas do venres e a mesma hora do sábado, agárdase unha acumulación de 10 a 20 metros.

As temperaturas mínimas oscilarán entre os 4º de Lugo e Santiago e os 8º da Coruña, mentres que as máximas non superarán os 13º. En Lugo prevese que a máxima sexa de 8º.

Por outra banda, a costa da provincia da Coruña tamén estará en aviso amarelo por fenómenos costeiros, con mar de fondo do noroeste que deixará ondas de 4 a 5 metros. Esta alerta permanecerá activa entre as 15,00 horas e as 21,00 horas do venres.