Vendidos todos os butelos na feira da Fonsagrada

manuel fernández A Fonsagrada

A Fonsagrada

Os 10.000 quilos que se puxeron á venda despacháronse entre o sábado e este domingo, nunha cita con abarrote e na que se recoñeceu o traballo de oito comercializadores

05 feb 2024 . Actualizado ás 09:41 h.

A Feira do Butelo da Fonsagrada do 2024 rematou cun rotundo éxito de participación e de vendas. O bo tempo foi o mellor aliado para a edición 27 da feira, na que se puñan á venda 10.000 quilos do produtos estrela da montaña de Lugo, o butelo, e cuxas existencias se esgotaron entre a xornada do sábado e a do domingo. O que en 1998 comezou con só tres produtores e 70 quilos no mercado, esta fin de semana foron 10.000 quilos e o recoñecemento a oito comercializadores do butelo.

Se a xornada do sábado houbo abarrote no feiral e nos bares e restaurantes da vila, este domingo aínda houbo máis visitantes, demostrando que a Feira do Butelo da Fonsagrada converteuse nun lugar de referencia. Os butelos vendéronse entre 10,50 e 11,50 euros o quilo, e os asistentes esgotaron as existencias.

Ademais da feira, na que había uns 70 expositores con todo tipo de produtos á venda, e a animación rueira, o Concello quixo render tributo ás persoas que comezaron a pór no mercado o butelo e aos que se foron sumando nos seguintes anos. Así, nun acto celebrado na Casa Consistorial, entregáronse os butelos de ouro a Carnicería Silmer, Embutidos Buenavista, Modesta Fernández Blanco «Tita» (estes tres foron os iniciadores en 1998), Xosé Fernández López, Embutidos RM, Facenda Farruquiño SL, Carnicería Testo e Casa Castelao.

Entrega de los butelos de oro en el Concello de A Fonsagrada
Entrega dos butelos de ouro no Concello da Fonsagrada MANUEL

Recoñecemento

Ao acto, ademais do alcalde, Carlos López, asistiron o presidente da Deputación, José Tomei, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco . Foi unha homenaxe emotiva e no que se puxo en valor o traballo que levan realizando desde fai un cuarto de século os produtores de butelo e alimentos cárnicos da Fonsagrada, e que grazas ao seu esforzo chegaron ao éxito que esta fin# de semana se puido comprobar.

Tomei sinalou que «no rural temos ideas, temos proxectos, temos capacidade de traballo, temos propostas de futuro e temos vontade de innovar. O que precisamos é que todas as administracións públicas apoien esas ideas, eses proxectos, esa capacidade, que sexan activas e dinamizadoras, como fan os premiados que hoxe recoñece o Concello da Fonsagrada con este Butelo de Ouro».

«Esta feira é un exemplo da enorme capacidade que temos no rural para crear actividade económica. Demostra que o rural está cheo de vida, de oportunidades e de proxectos todos os días do ano», asegurou o presidente provincial, quen destacou  «o esforzo co rural que estamos facendo dende hai moito tempo dende o Concello da Fonsagrada e dende a Deputación de Lugo». A feira conta cunha achega da Deputación de 20.000 euros.