A vindeira semana arrincará, na cidade, a XLVII edición da Semana do Cine de Lugo. Ao longo de seis días proxectaranse máis de 200 pezas audiovisuais en distintos espazos, transformando a cidade coa maxia do cine e converténdoa, unha vez máis, nunha auténtica capital cultural. O festival é xa unha cita ineludible no noso calendario, capaz de atraer público moi diverso.
O cartel desta edición fusiona símbolos recoñecibles de Lugo coa figura de Chaplin, xusto cando se cumpren cen anos de A quimera do ouro. O detalle non é menor: lembra que o cine é memoria e homenaxe, mais tamén creatividade e renovación. Este ano, no que soñamos con Oliver Laxe e Sirat competindo polo Óscar, a Semana do Cine promete ser especial. Entre outras cousas porque, nun inicio de curso convulso, no que mesmo os eventos deportivos ceden ao malestar e á protesta da cidadanía, precisamos máis ca nunca da arte como espazo común.
O cine e a literatura son as artes máis ligadas á vida. Imitána, recréana, interprétana e, ás veces, transfórmana. Moita da nosa sensibilidade histórica cara ao Holocausto naceu do mundo audiovisual: non é o mesmo ler sobre Auschwitz nun manual ca mergullarse no horror a través dun filme como A lista de Schindler. E a arte tamén pode ser evasión, esa válvula que sempre precisamos, como lembraba A vida é bela, que converteu a dor en esperanza sen restarlle verdade.
Algún día o noso tempo, cos seus conflitos, logros e derrotas, tamén chegará á pantalla. Mentres, acudir ao cine é entrarmos nese espazo onde, cando as luces se apagan, todo comeza. É unha maneira de saírmos da voráxine do ruído e pensar a vida desde máis arriba, por riba do balbordo que nos arrastra a vivir as présas. Esa é a forza dun festival como o de Lugo: ofrecernos unha altura distinta e facernos partícipes dun diálogo colectivo que dura xa case medio século.