A volta ao cole nas papelerías de Lugo: «Hai lotes de libros de texto de 40 a 200 euros en función do colexio»
LUGO

Os prezos estabilízanse e os pais compran só o indicado nas listas. A media de gasto por alumno en material escolar varia bastante en función do colexio e do presuposto que se estableza a familia
28 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Agosto chega ao seu fin e, con el, ecoa cada vez máis preto a badalada que dará a benvida ao curso académico 2025/26. «Xa anda nerviosa polo colexio, non para quieta», comenta unha nai lucense que estaba a encargar os libros de texto da súa pequena.
Entre a última semana de agosto e a primeira de setembro, moitos pais aproveitan para comprar os libros de texto e o material escolar. No entanto, a data forte é o primeiro día de clases porque é cando moitos centros escolares entréganlles as listaxes do material necesario. En comparación con anos anteriores —analizando as tendencias que seguen os pais que xa dispoñen dos catálogos—, son máis os que se cinguen só ao que lles piden. Un cambio que, en gran parte, vén influenciado pola subida dos prezos. «Antes en lugar de llevarse solo las 5 libretas que les pedían, cogían una de más, por si acaso. Ahora solo compran el número de libretas, bolígrafos... que les piden en el colegio. La vuelta al colegio viene, en muchos casos, acompañada de la compra de nuevo vestuario, calzado... Al final todo se ha encarecido y suma», explica unha empregada da librería Cartafol.
Co paso dos anos, os produtos máis demandados nas papelerías seguen sendo os mesmos. «As ceras son un clásico, os bolígrafos borrábeis, os carpeblocs... Por outro lado, as mochilas e os estoxos seguen séndoo, xa que se van gastando ou manchando. Os nenos sempre queren levar algo novo para iniciar o curso con máis entusiasmo», explican. En relación a novidades, non é tanto no propio material, senón máis ben o seu deseño e decoración: novos personaxes de debuxos animados que están en tendencia, cores, deseños cos novos equipamentos de fútbol... «Este ano o produto estrela está a ser Stich», comentan desde Librería Galicia.
Prezos que se manteñen
A media de gasto por alumno en material escolar varía bastante en función do colexio e do presuposto que se estableza a familia. «Temos cadernos dende 1,25 ata 9,95 euros. Estes últimos pódense considerar ata excepcionais. Sinceramente, eu diría que os máis caros son os de 6,50 euros», expoñen en Campus. Doutra banda, a súa encargada comenta que este ano se incorporou unha nova marca que «está moi ben de prezo e é de boa calidade», aumentando así as súas alternativas. En comparación cos prezos do curso 2024/25, o incremento non foi moi notorio. Por exemplo, os bolígrafos básicos manteñen o seu custo. «Durante este ano, o prezo do papel xa mellorou. Daquela aumentara moito, repercutindo directamente nos prezos dos cadernos, libros, axendas... Penso que foi durante o ano pasado cando máis se notou esta subida», explica unha das libreiras consultadas.
Regreso do libro en papel
Algúns colexios lucenses que participan no programa E-Dixital da Xunta de Galicia, durante este novo curso comezarán, por primeira vez, a reintroducir ata tres libros de texto en papel na etapa de Primaria. Un reingreso que tivo un impacto notable nas distintas librerías lucenses, aumentando así lixeiramente a venda de libros de texto durante este verán.. «Ao final eran pequenos que xa dabamos por perdidos», explican en Campus.
Cheques e promocións
En canto ás ofertas, Librería Galicia fai descontos especiais todos os anos durante a volta ao colexio «Os pais que encargan aquí os libros de texto automaticamente teñen un 15% de desconto en material funxible. Por outra banda, debido ao cambio de localización, estamos a facer ofertas especiais do 50%, tanto en mochilas como en estoxos ou nalgún que outro produto que haxa dispoñible», explica o seu propietario. Doutra banda, durante este ano, a Xunta de Galicia segue ofrecendo vales de 60 e 75 euros, por alumno, para gastar en material funxible —só válido para familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 10.000 euros—, e cheques de 160 e 240 euros para a compra dos libros de texto. «Hai xente que vén cos vales e dinme que teñen que mirar cousas para comprar. Son cada vez máis as familias que reutilizan material de cursos anteriores. Ao final, ao mellor só gastan unha media de entre 30 e 40 euros en material escolar. En relación á compra de libros de texto, por exemplo, de nenos de tres á catro anos, hai desde lotes de 40 e 60 euros ata de 200 euros. Cada centro é un mundo independente», recalcan en Campus.