
Licita os traballos de urbanización desta histórica demanda en 2,6 millóns de euros
11 jul 2025 . Actualizado á 19:22 h.A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou, cun presuposto de máis de 2,6 millóns de euros, a licitación das obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada. Así o explicou o portavoz socialista do Goberno, Pilar García Porto, e avanzou que «esta é unha actuación estratéxica para dotar a este municipio da montaña de solo industrial e terciario, algo fundamental para impulsar o desenvolvemento económico dun concello que, ata o de agora, carecía deste tipo de infraestrutura. O proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da zona».
Sinalou García Porto que «hai que lembrar que este polígono está recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal e que foi posible avanzar grazas ó compromiso institucional da Deputación, que no seu momento financiou a redacción do proxecto cun investimento de preto de 36.000 euros, e asumiu tamén a aportación de arredor de 600.000 euros para a execución das obras».
Coa licitación destes traballos, A Fonsagrada contará cunha infraestrutura necesaria para atraer actividade empresarial e xerar novas oportunidades de emprego. Nesta liña, recalcou o portavoz que «segundo destacan os informes técnicos, esta actuación terá un efecto multiplicador sobre o conxunto da territorio da Montaña, contribuíndo a fixar poboación e a reforzar a actividade económica no interior da provincia».

O procedemento de licitación prevé criterios de valoración que combinan a mellor oferta económica cunha memoria técnica solvente, ademais de ter en conta a ampliación da garantía e a proposta de posta en valor das obras executadas. «Deste xeito, tratamos de asegurar que esta intervención se execute coas máximas garantías e cun enfoque de calidade, porque este polígono industrial é unha oportunidade para darlle futuro a un territorio con este proxecto tan necesario e demandado».
Centro de Innovación Territorial para a provincia de Lugo
Na reunión desta mañá, a xunta de goberno tamén aprobou o texto do convenio co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a posta en marcha dun Centro de Innovación Territorial na provincia de Lugo. Pilar García Porto lembrou que o pasado mes de abril, en Ponferrada, o presidente da Deputación e a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, asinaron un protocolo para iniciar os trámites «de adhesión da provincia de Lugo a esta rede e hoxe, concrétase, cun investimento global de 850.000€ para revitalizar o medio rural da nosa provincia».
«A Deputación de Lugo entrará a formar parte da Rede Estatal de CIT, favorecendo a transferencia de coñecementos, a replicación de boas prácticas e a creación de sinerxías con outros territorios. O convenio terá unha duración de catro anos. O Miteco achegará 510.000 euros, e a Deputación de Lugo contribuíra con 340.000 euros, incluíndo financiación, recursos humanos e materiais. A esa suma súmanse os beneficios de formar parte dunha rede pública-privada que pon en valor o talento local», detallou o portavoz.
Neste sentido, lembrou tamén que «desde a Deputación de Lugo seguimos traballando con responsabilidade, diálogo e visión estratéxica, xunto cos concellos, os veciños e veciñas e o tecido empresarial para fixar poboación e xerar oportunidades reais no rural. Porque o rural ten presente e futuro, e o Centro de Innovación Territorial será unha das ferramentas para seguir traballando neste camiño».