
A fraude produciuse a través do método BEC, que se basea en interceptar correos electrónicos e suplantar a identidade de alguén de confianza
04 jul 2025 . Actualizado á 15:57 h.A Garda Civil, tras unha investigación iniciada o pasado verán, identificou e imputou a dous veciños dunha localidade de Cataluña como investigados por un suposto delito de estafa a través de Internet, dado que ambos son sospeitosos de estafar máis de 30.000 euros a unha empresa lucense.
Segundo a información facilitada este venres pola Comandancia de Lugo, alertada a Garda Civil polos responsables dunha empresa lucense sobre unha potencial estafa de máis de 30.000 euros, iniciouse unha rápida investigación por parte do Equipo Arroba para identificar aos supostos autores da mesma e recuperar o diñeiro defraudado.
No desenvolvemento da operación policial, os encargados do caso confirmaron que a suposta estafa producírase a través do método denominado BEC («business email compromise»).
Posteriormente, rastrexaron diversas contas bancarias, unhas a nome dos estafadores e outras abertas con identidades falsas, que os supostos autores da estafa utilizaban de xeito discrecional coas súas potenciais vítimas.
Finalmente, o diñeiro defraudado foi recuperado «tras arduas xestións realizadas nos últimos seis meses coas entidades bancarias», precisa a Garda Civil, e posto ao dispor xudicial.