150 anos de tren en Lugo

María L . Sández

LUGO

13 may 2025 . Actualizado á 16:54 h.

O 14 de maio de 1875, hai agora 150 anos, chegou o tren a Lugo. A chegada do ferrocarril supuxo, para Galicia, unha transformación de grande alcance e Curros Enríquez deixou constancia dela nun fermoso poema titulado Na chegada a Ourense da primeira locomotora, onde a máquina simboliza o progreso fronte aos poderes tradicionais e eclesiásticos.

Mais, coma toda innovación, a expansión do tren tivo, tamén, consecuencias negativas e outra escritora da época do Rexurdimento, Rosalía de Castro, denunciou a corta masiva de carballeiras galegas que alimentaban os camiños de ferro de todo o Estado, cualificando esta destrución como un «acto sacrílego». Os seus versos, que criticaban como vontades alleas exercían poder sobre o que era noso, fan dela unha precursora das posturas ecoloxistas. Mais o proceso avanzou, imparable, e foi precisamente en tren como se trasladou o seu corpo desde Adina ata Santiago, seis anos despois da súa morte, para ser soterrada no Panteón de Galegos Ilustres. Alí, na estación de Cornes, agardábaa unha multitude.

O tren ten unha fonda significación histórica e unha forte presenza na literatura. Todos gardamos imaxes de convois: Anna Karenina coñecendo a Vronski nunha plataforma e logo guindándose á vía no final da historia; o Orient Express e o tren azul de Agatha Christie; ou o tren do Divino Sainete de Curros, inspirado na Divina Comedia de Dante. Literatura, cinema e música están ateigados da maxia misteriosa do ferrocarril.

Para min, o tren é tamén o son das noites de estudo na adolescencia. Desde a fiestra da miña casa en Lugo víase a vía e escoitábase na noite o ir e vir dos vagóns, a serea e o efecto Doppler, mesturados co motor da neveira, acompañando horas de vixilia. E agora que a mocidade volve apostar polo tren, é tempo de reclamarmos para Lugo un servizo digno, moderno e eficaz. Xa vai sendo hora. Cando se cumpren 150 anos.