Xesús Afonso Parada Jato, escritor e pintor: «Coas miñas obras intento que a historia do rural non esqueza»
LUGO
O artista alerta que a xente cada vez ten menos coñecemento das lendas e contos da zona, algo que busca reverter coas súas pinturas e poemas
01 feb 2025 . Actualizado á 20:13 h.O pintor e escritor Xesús Alfonso Parada Jato (Folgoso do Courel, 1967) vive «por e para o rural». Así o plasma nas súas obras pictóricas e nos seus poemas, cos que pretende resgardar do esquecemento tradicións, lendas e contos orais da zona de Folgoso do Courel, onde reside. Parada, que cursou historia e se diplomó en Traballo Social, é autor de dous ensaios e seis obras poéticas. Coas súas obras gañou varios premios, pero insiste en que o importante para el é este labor de divulgación do rural.
—Cando empezou a sentir interese pola pintura e a escritura, as dúas disciplinas que practica?
—Pintei desde neno, a literatura veu máis tarde, cando retomei os meus estudos no 2000. Chamoume a atención porque os profesores de lingua souberon motivarme a iniciarme na escritura. Empecei a facer pequenos traballos, relatos e narracións curtas e despois a raíz da morte do meu pai no 2006 sentín a necesidade de escribir para escapar da situación de melancolía na que estaba sumido. A pintura sempre foi en paralelo a isto, porque sempre ilustrei eu mesmo as miñas obras e os meus poemas. Todos os meus libros teñen unha portada deseñada por min.
—As súas obras teñen puntos en común entre elas?
—Sempre busco un enfoque onírico tanto na pintura como na literatura. Persigo nas miñas obras pictóricas o compoñente máxico que tamén hai nos meus poemas. Encántame o acerbo cultural que nos deixaron os nosos antepasados, é dicir os contos, a mitoloxía e as lendas que veñen de moito tempo atrás. Vivindo no rural teño máis contacto con todos estes compoñentes máxicos da nosa terra.
—As tradicións da zona marcan a súa obra. Por que cre necesario mostralas nas súas poesías e cadros?
—Para que non esquezan. Están en risco de perderse, a xente cada vez está menos informada porque están a desaparecer as persoas maiores que traspasaban todo este coñecemento. É unha riqueza impagable que non debería perderse porque con ela pérdese a nosa historia. A nosa historia é o que nos queda, porque a este mundo vimos sen nada e ímonos igual. Intento que as miñas obras contentan cousas de todo tipo, incluso gastronómicas.
—Vive nun pequeno núcleo de Folgoso do Courel, cre que vivir en contacto coa natureza permite unha maior liberdade para crear?
—En certo xeito si, aínda que hai proles e contras. O bo é que ao estar en contacto con todo este mundo, un microcosmos, teño máis facilidade para acceder á información. Tamén me supón algúns problemas, porque te atopas máis illado ao intentar difundir as obras. Con todo estou moi contento porque se non vivise aquí non tivese acceso a información de primeira man da miña familia ou veciños.
—Residir nesta zona dificulta, por tanto, facer chegar as súas obras ao público?
—Si, pérdesche eventos pola distancia ou incluso pola climatoloxía cando hai neve no inverno. Iso complica un pouco o labor, pero inténtase facer do mellor xeito posible.
—En Réquiem e diario fala de conservar os recordos e a identidade. Sente que se deu as costas ao rural?
—Falta apoio, evidentemente. As axudas non se planifican nin se implementan adecuadamente. Ás veces hai liñas de axudas, pero non chegan por completo ou non se canalizan onde fai falta. Tiven moitas dificultades para realizar todos os meus proxectos, pero saíron adiante polo meu tesón e a miña implicación. As miñas obras culturais naceron sempre con dificultades que tratei de liquidar a forza de empurre para cumprir os obxectivos de divulgación que me expoño.
—As súas obras están escritas, fóra dunha de poesía, en galego. É unha decisión consciente para reivindicar a lingua?
—Escribín só dous en castelán, unha que aínda non se publicou pero verá a luz neste primeiro trimestre e outra, porque as mandei ao certame de poesía de Ceuta e as súas bases requiríano así. Todas as demais son en galego porque é a miña lingua materna, na cal desenvolvo todas as miñas actividades, e porque me custaría escribir noutra lingua sobre cousas que viviches e presenciaches desde neno. Cando tratas temas así o fas na túa lingua materna porque che sae así, non é porque busque un público determinado, é pola intimidade do asunto.