Fachada de una sede de Muface en Madrid
Fachada dunha sede de Muface en Madrid Ricardo Rubio | EUROPAPRESS

20 nov 2024 . Actualizado á 12:39 h.

Cando aprobei as oposicións, fun informada da miña condición de mutualista obrigatoria. A miña pertenza a Muface non era unha opción. Pero si puiden escoller a asistencia sanitaria a través da Seguridade Social. Para min era un exercicio de coherencia que, se eu prestaba un servizo público, a sanidade que recibía tamén o fose. Outros que non o vían así cambiaban á Seguridade Social cando a cousa se puña seria. Nunca comprendín que se para o verdadeiramente importante funcionaba mellor a sanidade pública, a xente preferise esoutro sistema.

Nunca dubidei daquela primeira elección. Miña nai traballou na sanidade pública, cría nela, e transmitíunolo. Dende a docencia, sempre sentín un privilexio que quen sentaba diante miña non fose escollido en función da súa renda. Dei clase a fillos de alcaldes e a nenos supervisados polos servizos sociais, e sempre me esmerei na calidade do servizo.

Polo mesmo, escollín o ensino público para os meus fillos. Creo na súa calidade e traballo por ela. Que na nosa sociedade non impere a lei do máis forte depende destes piares fundamentais: sanidade e ensino públicos de calidade. Toda a sociedade debe crelo, pero cómpre comezar polos propios traballadores, pola responsabilidade e o orgullo de prestar un servizo por riba e independentemente da situación económica da persoa á que atendemos. Doutro xeito, acabaremos tombando o que nos deu décadas dunha sociedade máis xusta e achegada á utopía da que existiu en calquera outra época. Por iso non me doe que caia Muface. Precisamos unha grande sanidade pública para todos. A alternativa é tan triste que asolaga a alma.