NNo é tanto o perder un partido ante o actual subcampión da liga Acb, se non o como se produce esa derrota. O conxunto lucense tivera un cambio de mentalidade moi importante a semana pasada nos partidos ante Tenerife e Barcelona pero para gañar fóra de casa, sen o empurre do Pazo, débese dar un paso adiante en xogo e en acerto.
O primeiro cuarto, a pesar dunha mala saída co parcial de 10-2, o Breogán meteuse no partido aproveitándose da mala selección de tiro de Murcia, correndo ben ao contraataque e atopando a un elevado Jordan Sakho nas continuacións. Pero a partir de aí chegou o derrubamento. Murcia é un equipo tremendamente físico que é capaz de apertar moitísimo as liñas de pase, chegar a defender ben os tiros e con capacidade de rebote defensivo.
No segundo cuarto, sen estar brillantes en ataque, os de Sito Alonso deixaron ao Breo en só nove puntos e aproveitaron as situacións de campo aberto e tiros liberados para coller unha vantaxe moi importante.
No terceiro cuarto o Breo intentouno en ataque con chispazos individuais de Charlie Moore, pero sen circulación de balón nin xogo colectivo. Moitas veces só é cuestión de buscar un pase máis e xerar un tiro máis liberado.
Co partido xa bastante roto, no último cuarto, Veljko Mrsic optou pola defensa en zona, coa entrada de Erik Quintela e Jordan Davis. Foron os mellores minutos a nivel defensivo dos lucenses, que non permitiron case tiros liberados de Murcia, servindo así para recortar a vantaxe a oito puntos. Unha pena que nese momento puido chegarse a un final igualado e por pequenos detalles non foi posible.
Agora chega o parón das fiestras e o momento para reflexionar sobre os posibles cambios no persoal, pero para min o máis importante é pensar que colectivamente se deben traballar mellor os detalles para sacar os partidos adiante.