PISA: vitoria ou morte

María L. Sández

LUGO

12 dic 2023 . Actualizado ás 18:19 h.

Vimos de recibir os resultados dun novo informe PISA e respírase, no ambiente, a ansiedade de comprobarmos onde ficamos situados no ranking global da nosa valía como país e no das nosas expectativas de futuro: o importante, xa se sabe, é mantérmonos ben posicionados na frenética carreira por ocupar as posicións punteiras e destacar en innovación tecnolóxica e, por suposto, no relativo á economía.

Os rapaces tamén viven así o seu paso polo sistema educativo: métense nunha peneira na que se determina o seu valor e ordénanse nun ranking que os leva ao cume ou os dirixe cara aos sumidoiros do sistema para eliminalos como se fai cos refugallos. Cada día urxe máis reactivarmos a ilusión e a ledicia por aprender e desactivarmos o temor á derrota e a ser clasificados como incapaces e inválidos. Hai un dato moi significativo: Corea ocupa o segundo lugar no ranking do último informe, mais tamén encabeza o de suicidios de adolescentes.

A pandemia afectou en xeral ao rendemento e posiblemente conflúen tamén outros factores, entre os que non é desdeñable a síndrome apocalíptica que se está a instalar entre as novas xeracións. Criados no medio de discursos que falan da fin de todo (pandemias, guerras, crise climática) son plenamente posmodernos: escépticos e desconfiados. Non sei por que nos sorprende que non se esforcen no presente por ese futuro que a todas horas lles dicimos que quizais non exista.

Ao carón dos resultados do informe PISA habería que poñer, tamén, xunto á columna de cada estado e cada comunidade autónoma, unha medición da ansiedade e da felicidade dos mozos e mozas de 15 anos. Ou é que o único que importa é o que rindan? Estou convencida de que non fan a revolución porque, por idade, carecen das ferramentas legais e intelectuais para acometela. Oxalá algún día, cando estean en posicións de poder, lembren o que non debe ser a vida dunha nena ou dun neno e fagan do coñecemento un ben común e non unha arma fronte aos outros.