Anacos de historia en botellas de viño, desde Lugo

La Voz

LUGO

Inauguración en la Capela de Santa María
Inauguración na Capela de Santa María ALBERTO LÓPEZ

«Fragmentos de onte» estreouse en abril en Vigo e pasou despois a Santiago

04 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

As etiquetas dos viños tamén poden ser espazos para a arte. De feito, o son en moitas ocasións porque non son poucas as adegas que atopan na arte o vehículo ideal para presentar os seus viños. É o caso de Martín Códax, a adega de Rías Baixas que este martes participaba en Lugo na inauguración dunha exposición titulada «Fragmentos de onte», unha das iniciativas vinculadas a unha edición especial dos seus viños etiquetaxes con fotos de Ruth Mathilda Anderson.

Organizada pola asociación Sete Espadelas co patrocinio de Martín Códax, «Fragmentos de onte» estreouse en abril en Vigo e pasou despois a Santiago. Agora recala en Lugo, onde se pode ver desde onte e ata o 7 de novembro na Capela de Santa María (con visitas guiadas os sábados). A exposición está formada por algo máis de sesenta traxes. Son o froito de cinco anos de estudo, procura, análise e recuperación a partir do que levan posto as mulleres e os homes que saen nas fotografías realizadas entre os anos 1924 e 1926 en Galicia pola fotógrafa norteamericana Ruth Mathilda Anderson. Froito dun encargo realizado pola Hispanic Society of America, de Nova York, aquela reportaxe fotografico documenta o ambiente daquela época en rúas e prazas de diferentes localidades galegas.

En abril, cando a exposición empezou o seu percorrido por Galicia, Martín Códax lanzou ao mesmo tempo unha edición especial de botellas que substitúen a habitual etiqueta do trobador por outras elaboradas con seis fotografas daquela reportaxe. As protagonistas de cada un destas seis etiquetas son unhas palilleiras en Muxía, unhas redeiras en Marín, unhas mariscadoras en Carril, unhas leiteiras en Muros, e unhas vendedoras nunha feira en Ourense e noutra de Pontevedra.

Olería na muralla

Entre as fotografías que acompañan a mostra hai unha captada en Lugo, nun mercado de pezas de olería ao pé da muralla.

A exposición foi inaugurada onte nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro e a deputada Cultura, Iria Castro.

Efrén Castro agradeceu a Adegas Martín Códax e á asociación Sete Espadelas que contasen coa Capela de Santa María para traer a Lugo esta exposición que «pon de relevo a importancia do traballo das mulleres na sociedade tradicional, como piares da engranaxe social e económica».