Epi agarda un partido moi físico ante o Melilla e quere un Breogán forte en defensa

LUGO

Alba Pacheco

O técnico manifestou que agarda contar co substituto de De Thaey en breve

05 dic 2019 . Actualizado ás 18:54 h.

O Leite Río Breogán presentarase no partido de mañá ás 19.00 horas no Pazo ante o Melilla coa moral alta que lle dan as tres vitorias consecutivas das últimas xornadas, algo que Epi está seguro que axudará a sacar o partido adiante. «É evidente que tres triunfos seguidos permitíronnos ter boas sensacións durante a semana, aínda que agardo que este refacho non supoña que nos relaxemos na próxima cita. A incerteza que temos agora é se poderemos contar coa maioría de efectivos nunha semana na que onte tivemos a alegría de contar con bastantes xogadores para adestrar, en contraste cos 7 efectivos cos que contamos nas dúas primeiras sesións semanais», manifestou Epi, que agradeceu o apoio dos xogadores do equipo vinculado para poder levar a cabo adestramentos de calidade.

O preparador do cadro celeste ten máis que claro que tipo de partido lle agarda fronte ao Melilla. «Imos medirnos co decano da categoría, un equipo que todas as tempadas dispón dun bo persoal. Seguro que vai ser unha partido moi físico cun rival que fai moito dano nos primeiros 10 segundos dos seus ataques, polo que temos que paralo, así como o seu xogo dun contra un. Por outra banda teñen ao sexto anotador da competición, Agada. En resumo, imos medirnos cun conxunto que nos vai esixir moito en defensa e na loita polo rebote, polo que as axudas serán fundamentais», explicou Epi.

O técnico breoganista confirmou que o equipo está preto de pechar a incorporación dun novo xogador en lugar de De Thaey, con posibilidades, mesmo, de que chegue a Lugo antes de mañá. «Estamos preto de atopar o substituto. O club leva 30 días traballando niso, pero é complicado atopar un 4 titular das características que buscamos. Agora mesmo o medo que teña é que os que están sans poidan sufrir algún problema de lesións, sobre todo por sobrecargas ao estar tan cargados de traballo», dixo Epi.

O xogador cuxo regreso está próximo é Dago Pena, que podería estar mañá. «Ten moitas ganas de axudar, pero leva 10 días sen adestrar e 1 correndo. O que non estamos dispostos a facer é arriscarnos a hipotecar o futuro do xogador cunha reaparición apresurada. Está facendo un esforzo titánico, pero non creo que chegue ao partido de mañá», especificou Epi.

«Agardo que a ponte festiva non reste afluencia ao partido e que a xente nos axude como fai sempre, xa que a nosa afección é vital para nós e agardamos estar á altura do que merecen», concluíu Epi.