«Profe, para que serve un dron?»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Once colexios da provincia benefícianse dun programa de formación no Aeródromo de Rozas

14 novs 2019 . Actualizado ás 16:31 h.

Once colexios da provincia de Lugo levarán aos seus alumnos ao Aeródromo de Rozas para participar no Drone Day, unhas serie de xornadas organizadas pola multinacional Boeing, en colaboración coa Xunta e dentro do marco de actividades programadas para incentivar vocacións nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

Miguel Ángel Gómez é o encargado de ensinarlles aos mozos de terceiro da ESO para que serve un dron e como manexalo. Aprenden as súas funcións empresariais e industriais, a nivel profesional. «Pola mañá ensínolles a parte teórica. Conceptos como a suspensión ou como voar. Despois proban cun simulador real e aprenden a manexar o dron. Para rematar, inténtano cun real», conta Miguel, especialista en formación e con máis de 40 talleres impartidos ás súas costas.

Usos profesionais

«Intentamos que vexan os usos profesionais dos drones, as súas aplicacións e as súas explicacións. Como se usan na agricultura, a importancia dos mapas e da seguridade. Ademais, os mozos utilizan un simulador que é o mesmo co que se forman moitos pilotos», explica Miguel.

Ao final, os mozos voan en interior un dron de 70 gramos e que ten estabilizador. Cando pode, Miguel ensínalles a usar un dos aparellos no exterior, pero a choiva e o vento fan imposible saír a voar en días como os desta semana.

Máis de 6.000 pilotos en España

«O dron é algo atractivo, que lles gusta. Non é que sexa unha profesión de futuro, é que xa o é. En España hai máis de 6.000 pilotos e, cando a lexislación acompañe, haberá máis», narra Miguel, que compaxina a actividade profesional coa formación.

Onte, os alumnos do colexio Salesianos de Lugo foron os elixidos para acudir ao Aeródromo de Rozas para recibir a formación. Acudiron ao centro acompañados dos seus profesores e dispostos a aprender un campo aínda moi descoñecido para moitos: o dos drones.