Louzao chama «caradura» ao PP por reclamar agora o xulgado do Social

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Asegura que Carballo, Barreiro e De Olano «non moveron un dedo nos sete anos que Rajoy gobernou en Madrid»

25 mares 2019 . Actualizado ás 14:04 h.

Olga Louzao chama «caradura» ao PP por reclamar agora o xulgado do Social para Lugo. A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo referíase en concreto a Carballo, Barreiro e De Olano, por «reclamar agora un Xulgado do Social para Lugo polo que non moveron un dedo nos sete anos que Rajoy gobernou en Madrid».

«Cando o señor Carballo era subdelegado do Goberno xa había a mesma necesidade que hai hoxe», argumenta Louzao. «O mesmo atasco xudicial e o mesmo retraso e sen embargo non lle escoitamos reivindicar coa mesma intensidade ese novo xulgado ao Goberno de Rajoy do que el formaba parte como máximo representante na provincia de Lugo», denuncia.

Cargaba Louzao tamén contra «o señor Barreiro e o señor Jaime de Olano, flamantes cabezas de lista do PP ao Congreso e ao Senado, que teñen a caradura de pedir hoxe algo polo que durante eses sete anos non moveron nin un dedo no Congreso nin no Senado» e dirixía despois os seus dardos contra a rexedora. Dicía que Lara Méndez «confórmase cun sucedáneo de Xulgado do Social para Lugo porque parece maís preocupada por contentar e facer a pelota a Pedro Sánchez para que non lle cambie tamén a lista das municipais que en reivindicar as necesidades da cidade da que é alcaldesa».

A portavoz de Cidadáns asegura que «está claro que tanto o Partido Popular como o Partido Socialista venden a Lugo e só se acordan da provincia para pedir o voto» e «en Lugo tivemos até agora a desgraza de padecer representantes en Madrid que non defenderon a provincia pola que foron escollidos».