O breoganista Maximus gaña o concurso de mascotas da ACB

LUGO

cedida

O novo Rey León impúxose na final a Pam, do Valencia

21 feb 2019 . Actualizado ás 18:21 h.

Maximus, mascota do Cafés Breogán, converteuse no Rey León da ACB tras proclamarse de xeito brillante campión da primeira edición do concurso de mascotas en Twitter celebrado co gallo de a fase final da Copa do Rey que se está celebrando en Madrid.

O conxunto breoganista non logrou a súa clasificación como equipo para o campionato copeiro, pero estivo representado de xeito excelente por Maximus, un novo león que se gañou desde hai tempo o corazón dos miles de afeccionados que acoden ao Pazo a ver ao seu equipo e que agora tamén conquistou ao resto de seguidores do baloncesto en España.

O león branquiazul enfrontouse na gran final ao representante do Valencia Pam nunha votación moi rifada na que o petardo valencianista foi por diante durante moito tempo, pero unha reacción final de Maximus serviulle para alzarse co triunfo.

O traballo para alzarse co título foi durísimo para a fera lucense, que non só tivo que empregarse a fondo nas distintas probas que pasou en Madrid, senón que leva semanas cun traballo intenso en redes sociais, esencialmente Twitter,, ademais de ter visitado cada recuncho da provincia para solicitar apoios para a súa causa.

No concurso participaron case 15.000 internautas e o 52% deron o seu apoio ao representante breoganista.

O responsable de comunicación do club, Marcos Fernández, e o seu equipo de colaboradores son os grandes protagonistas dunha campaña intensa e orixinal. Todos eles lograron mobilizar de novo ao breoganismo en redes sociais e reunilo ao redor dun Maximus que estivo perfecto tanto en todos os vídeos que gravou como no baile final durante o primeiro partido de cuartos de final entre Unicaja de Málaga e Iberostar Tenerife, no que fixo vibrar aos miles de asistentes ao partido.