O Zaragoza fusila ao Lugo con dous chispazos

X.R. Penoucos LUGO .

LUGO

Óscar Cela

O dominio local non lle abondou para superar a un rival con fortuna en ataque

09 feb 2019 . Actualizado ás 22:36 h.

A contundencia defensiva converteuse na gran virtude do Lugo esta campaña, pero parece que nos últimos partidos ao equipo esqueceulle defender e comete erros groseiros. Onte o que se aproveitou diso foi o Zaragoza, que en dúas accións puntuais transformou os dous tantos que lle permitiron sumar tres puntos ante un rival que chegou en numerosas ocasións á área rival, pero careceu de fortuna no remate.

A cita presentábase a priori como unha loita pola posesión do balón entre dous conxuntos aos que lles encanta levar a iniciativa, pero co que non se contaba era que cada equipo, coma se asinasen un acordo, repartísense o dominio.

O primeiro en tomar a iniciativa foi o Zaragoza que durante os primeiros 12 minutos arrinconó a un sorprendido Lugo e chegou a dispor dun lanzamento de Pombo ao pau.

Os locais sacudíronse o dominio e tomaron o control aos 15 minutos. Primeiro foi Toni Martínez nun remate de cabeza o que obrigou a facer un paradón a Cristian, foi o preludio do penalti de Guitián sobre Lazo no minuto 23. Pita, infalible desde os once metros, transformou o máximo castigo, aínda que para iso tivo que lanzar en dúas ocasións.

Os visitantes acusaron o gol e puideron recibir outro cando Toni quedou en solitario ante o porteiro e non soubo resolver. As accións polémicas non podían faltar e a bancada reclamou un penalti por mans dun defensa visitante que parecían claras.

Cando os equipos estaban a pensar no descanso un fallo de José Carlos deixou só a Álvaro e o propio defensa do Lugo derrubouno cometendo un claro penalti. Álvaro lanzouno fóra para alivio da parroquia local. Un disparo ao pau de Pombo nada máis regresar do descanso advertía das intencións dos pupilos de Víctor Fernández, acción á que respondeu Herrera cun cabezazo que se foi ao lado do poste.

Os locais volveron tomar o mando das operacións, pero cando mellor estaban a xogar e tras dispor de dúas excelentes ocasións por medio de Lazo chegaba o gol visitante do recentemente incorporado Linares. Os de Monteagudo reaccionaron e Tete enviou un balón ao poste cuxo rexeite non aproveitou Manu Barreiro. Do posible dous a un pasouse na seguinte xogada ao un a dous ao aproveitar Guitián un balón solto na área local para bater a Juan Carlos.

O técnico local optou por queimar todas as naves e deu entrada no terreo de xogo a Escriche, un futbolista que en varias ocasións funcionou como revulsivo, pero onte tampouco foi o seu día en parte tamén debido a que o seu equipo apenas pisou a área visitante no tramo final do choque. O arreón final dos branquivermellos, con Juan Carlos na outra portería intentando un remate milagroso non foi suficiente e o encontro saldouse con derrota local.

Este revés é especialmente preocupante para un conxunto lucense que se estaba mostrando moi sólido ante o seu público nos últimos compromisos, pero que onte caeu ante o Zaragoza vítima dos seus propios erros na retagarda.

Ficha técnica: 

Lugo 1: Juan Carlos, Gerard Valentín, Juan Carlos, Vieira, Campabadal, Pita, Seoane, Iriome (Tete Morente, min, 54), Lazo (Escriche, min. 78), Herrera e Toni Martínez (Manu Barreiro, min, 70)

Zaragoza 2: Cristian, A. Benito, Verdasca, Guitián, Pombo (Javi Ros, min. 78), Igbekeme, Eguaras, Neto, Zapater (Linares, min,58), Soro (Aguirre, min. 69) e Álvaro

Goles: 1-0, min. 25: Pita de penati. 1-1, min. 62: Linares.1-2, min. 72: Guitián

Árbitro: Pulido Santana (Canarias). Amoestou a Guitián, Seoane, Campabadal, Álvaro, Valentín

Incidencias: Partido disputado no Anxo Carro ante 2.998 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria do pai de Jose Durán, adestrador do filial.