Unha oportunidade para rozar o ceo

maría m. guntín / m. c. LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

Rozas viviu onte a súa xornada de maior afluencia con voos, paracaídas, exposicións e actividades infantís

22 jul 2018 . Actualizado á 05:00 h.

O mundo moi por baixo dos pés. Esta é a filosofía da nova edición do Critérium Aeronáutico en Rozas. Avións de diversas marcas e cores conviven estes días con helicópteros, drons e outros artefactos voadores. Os días de deporte aéreo aínda acaban de empezar e é que a xornada de actividades, exposicións e sorteos prolongarase ata o mércores.

No aeródromo, que onte se encheu de xente no seu gran día, é posible ver un avión de patrulla marítima que pertence á multinacional Indra. O modelo exponse na chaira, onde se pode saber un pouco máis del e estar aínda máis preto dunha máquina capaz de identificar náufragos, coa radio que ten incorporada, e salvar ás persoas que loitan por saír do mar. Un dos proxectos de Indra é un modelo autónomo que prevén estará listo no ano 2020.

O Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) tamén mostra aos seus voadores. Os drons son o punto forte este ano. Dous modelos lixeiros que se utilizan con fins de observación acadan un gran protagonismo na cancha, chamando sobre todo a atención dos asistentes máis pequenos. No instituto teñen varios prototipos en desenvolvemento cos que están a facer probas. Pero a Terra non é o límite para as aeronaves, xa que INTA ten un Avión Lixeiro de observación que se dedica a mirar cara a eel espazo.

Asistentes

«É a primeira vez que vimos. Decatámonos porque en Cambre somos dun club de montaña e comentáronnolo», explica unha parella de coruñeses, que agardaba con ansia a exhibición da Patrulla Aspa, que finalmente non se celebrou pola adversidade climatolóxica que houbo durante a mañá de onte.

Un dos piares do Critérium, Luis Abelleira Álvarez, explica que inicialmente os pilotos intentaron chegar ao aeródromo, pero estiveron a dar voltas porque era perigoso. «Agardemos que a exhibición da Patrulla Aspa sexa reprogramada entre o luns e o mércores», explica o piloto. O problema: a pouca altura que había entre as nubes e o chan.

Un ano enteiro de traballo. A partir do mércores empezará a preparación da próxima edición do Critérium, explicou Abelleira. Preto de 50 persoas do Exército, Policía Nacional e Guardia Civil contribúen a esta cita aérea. «Como pilotos gozamos dos voos todo o ano», coinciden en destacar.

As actividades que ofrece esta cita abarcan 100 saltos en paracaídas, 150 prazas para voar, parapente e incluso un globo, aínda que este último depende plenamente das condicións atmosféricas, xa que o vento e a temperatura son factores moi limitadores da actividade.

Actividades para nenos

Os máis pequenos tamén son protagonistas no Critérium, que ofrece inchables gratuítos, un circuíto de karts infantís e simuladores de voo. «É alucinante, parece que estás a pilotar un avión de verdade», explica un dos pequenos. As demostracións de drons tamén son unha das partes favoritas dos nenos, que miran cos ollos moi abertos e con moita atención as probas.

Os afeccionados tamén se crean no aeródromo. É o exemplo de Rubén Neira, que hai tres anos acudiu ao Critérium, fixo voo acrobático e, actualmente, ten o título de piloto e é un habitual en Rozas.

Hoxe Rozas vive un día máis desta nova edición. Hai voos divulgativos, máis saltos en paracaídas e paratrike, máis sorteos e continúan as exposicións que permiten coñecer un pouco mellor este mundo repleto de ás.