A necesaria mobilización ideolóxica no PP e no PSOE

Enrique Gómez Souto
ENRIQUE G. SOUTO LUGO / LA VOZ

LUGO

22 ene 2017 . Actualizado á 05:00 h.

O home detrás dun cigarro que foi Santiago Carrillo constatou ao longo da súa azarosa e intensa vida que «na política o arrepentimento non existe; un equivócase ou acerta, pero non cabe o arrepentimento». Carrillo necesitou sobrevivir aos grandes tornados que axitaron o mundo no século XX para chegar á mesma conclusión á que parecen chegar os líderes? dos principais partidos en Lugo polo doado camiño da moqueta. Basta con botar un ollo ao PP e ao PSOE e ver claro; na non existencia de arrepentimento, a coincidencia con Carrillo é profunda. Existe incluso nos partidos recentemente nados que buscan un oco ao sol do poder.

Na casa socialista, o que aínda queda do besteirismo xira sobre si mesmo buscando como manter a privilexiada situación acadada nos días dourados na Deputación, en manter o soño dunha noite de verán que foi a secretaría xeral do PSdeG. O máis grave erro de Besteiro foi a elección da súa contorna. Preferiu ao seu ao redor a adulación, ao rigor; o sorriso á eficiencia; o chachareo insubstancial ao discurso solvente. Besteiro deu o primeiro paso para armar ao seu partido cun corpus ideolóxico solvente; pero só o primeiro e moi cortito (canto puido significar aquela xornada con Jordi Sevilla na Deputación). E non hai arrepentimento, non, nos que, nacidos na escola besteirista, seguen empeñados en dilapidar a herdanza de Iglesias Posse; por iso creceron as mareas.

Tampouco no PP hai maiores síntomas de arrepentimento. Ata o de agora. Non goberna nin na Deputación nin no Concello da capital e, para sorpresa de propios e estraños, nada fixera que demostrase vontade de cambio. Agora hai algún síntoma que parece apuntar noutra dirección, quizá máis acertada. O congreso sobre educación que promoveu esta fin de semana pode ser un primeiro paso. É unha forma de gañar protagonismo, de mobilizar aos seus nun sector que en Lugo sempre foi decisivo para o PP. É un modo de xerar ideoloxía, tan necesaria para desarmar a Cidadáns. Besteiro só deu un paso; xa veremos se o do PP ten ou non continuación. Aínda que non haxa arrepentimento polos erros, como dixo Carrillo.