O Concello de Triacastela concedeu a licenza de explotación da canteira de Vilabella a Cementos Cosmos

sarria / a voz

LUGO

02 ago 2014 . Actualizado á 07:00 h.

A comisión de goberno do Concello de Triacastela concedeu na súa última reunión a licenza definitiva de explotación da canteira de Vilabella á empresa Cementos Cosmos.

A concesión do permiso municipal produciuse tras contar o expediente cos informes favorables doutros organismos como a Consellería de Medio Ambiente, Patrimonio e a Confederación Hidrográfica Miño Sil.

O documento xa está en poder dos responsables da empresa cementeira, polo que poderán retomar a actividade normal da explotación ao descuberto cando o consideren oportuno.

A empresa confirmou que grazas á subministración da canteira o vindeiro luns renovarán de forma temporal a produción de clínker na factoría de Oural. Ademais abastecerá a outras empresas da zona.

O permiso conta con notables limitacións. A máis relevante é a que afecta á zona de protección de Cova Eirós, lugar no que atoparon importantes achados arqueolóxicos e que aínda se está explotando, polo que queda fóra da área da que poden extraer mineral.

Outra limitación é na zona do núcleo de Vilar, polo que pasa o Camiño Francés e por tanto tamén está afectada pola protección relacionada coa ruta xacobeo. A iso hai que engadir as restricións que competen á policía de augas, así como a outras dúas covas tamén próximas á zona de Vilar e que aínda están sen explotar, das cales a máis importante é a da Cabuxa.

O conflito con esta licenza produciuse en setembro do 2013 en pleno conflito laboral na factoría de Oural cando os traballadores intentaron evitar que se extraese material desa canteira. A continuación o Concello determinou prohibir a explotación á empresa ao carecer de licenza municipal para facelo.

A empresa usou meses despois o argumento de non poder traballar na canteira para facer unha nova redución de persoal e así o fixeron tras varias reunións co comité de empresa.

O acordo final era que no momento que dispuxesen do permiso para retirar mineral de Vilabella volverían contratar a varios traballadores afectados polo último ERE. Por ese motivo todas as partes implicadas trataron de axilizar, sempre dentro da legalidade, os trámites para contar coa licenza municipal.

«É unha boa noticia que a canteira se poña en marcha e seguir xerando emprego na zona», dixo o director da fábrica, Jaime Santoalla.