A Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra crece en días e en filmes

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Un fotograma do filme «Kora», de Cláudia Varejão, que se proxectará no festival Vendaval
Un fotograma do filme «Kora», de Cláudia Varejão, que se proxectará no festival Vendaval CEDIDA

As xornadas desenvolveranse nos municipios de Bóveda, Sober e Sarria

20 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os municipios de Bóveda, Sober e Sarria acollerán desde este mércores ata domingo a segunda edición do festival Vendaval, dedicado ao cine de Portugal, no que se proxectarán 17 filmes, dos que cinco son longametraxes e o resto curtametraxes. As xornadas, denominadas Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, terán esta vez unha maior duración, xa que pasarán de tres a cinco días.

Ao igual que na edición anterior, o festival é organizado pola asociación cultural A Memoria é Náufraga, que xestiona na aldea de Xullán —en Bóveda— o centro cultural A Casa da Memoria. As xornadas son coordinadas por Tamara González, unha produtora audiovisual natural de Pantón e afincada en Lisboa. Ademais das proxección de filmes, o programa comprenderá actuacións musicais, obradoiros infantís, xantares populares e coloquios con realizadores, actores e críticos. Todas as actividades serán de acceso gratuíto.

A nova edición do festival ten por lema «Tan cerca, tan lonxe» e, segundo explican os organizadores, está dedicada a «filmes que exploran distancias a través de grandes e pequenas viaxes». A iniciativa, engaden, ten «unha forte compoñente educativa e vocación de intercambio transfronteirizo», e pretende ser «unha mostra de cinema que vai ao encontro de Portugal en Galicia, con especial foco nas semellanzas culturais e lingüísticas».

As xornadas contan co apoio da Vicepresidencia da Deputación lucense, o Instituto Camões de Vigo, os concellos de Bóveda e Sober e a residencia Neuramentalia —no primeiro destes municipios—, así como de diversas empresas. A continuación detállanse as actividades previstas para estas xornadas:

 Día 20. Na praza do Toural, en Sober, proxectaranse a partir das 22.00 horas as curtametraxes de animación O campo à beira-mar, de André Ruivo; Fuligem, de Vasco Sá e David Doutel; Lugar em parte nenhuma, de Bárbara de Oliveira e João Rodrigues; Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves; The Voyager, de João Gonzalez; Viagem a Cabo Verde, de José Miguel Ribeiro, e Ice Merchants, de João Gonzalez.

 Día 21. No centro cultural A Palleira, en Sarria, poderá verse ás 22.00 horas o filme Hanami, de Denise Fernandes.

 Día 22. Ás 16.30 horas proxectarase no Centro Sociocultural de Bóveda o filme À procura da Estrela, de Carlos Martínez-Peñalver Mas. Ás 21.00 horas ofrecerase no centro A Casa da Memoria, en Bóveda, unha cea con doces e bebidas portugueses. Ás 22.00 poderá verse neste mesmo lugar a película Nayola, de José Miguel Ribeiro. Haberá ademais un coloquio coa actriz Feliciana Délcia Guia e o crítico Martin Pawley. Ás 23.45 comezará unha observación do ceo nocturno dirixida polo astrónomo afeccionado Francisco García. 

Día 23. Todas as actividades desta xornada desenvolveranse no centro A Casa da Memoria. Ás 11.00 horas comezará unha sesión de ioga con espada dirixida por Patrícia Castro. Ás 12.00 proxectarase o filme Noite sem distância, de Lois Patiño. Á mesma hora comezará un coloquio co cantante Meduza, actriz da película Nayola. Unha hora despois haberá unha actuación das cantantes Rita Maia e Meduza. Ás 14.30 ofrecerase un xantar popular e ás 17.30 haberá un obradoiro infantil dirixido a nenos de máis de 5 anos. A partir das 18.00 horas poderán verse as películas O campo à beira-mar, Fuligem, Lugar em parte nenhuma, Percebes, The Voyager, Viagem a Cabo Verde e Ice Merchants. Ás 21.00 haberá unha cea popular ás 23.00 proxectarase o filme Grand Tour, de Miguel Gomes, que será presentado por Martin Pawley. 

Día 24. As actividades da última xornada centraranse tamén no centro A Casa da Memoria. Ás 11.00 haberá unha nova sesión de ioga con espada a cargo de Patrícia Castro. Ás 12.00 proxectarase Noite sem distância. Ao mesmo tempo haberá un coloquio entre Martin Pawley e o actor e realizador Miguel Nunes. Ás 17.30 haberá un obradoiro infantil para nenos de 5 anos en diante. A partir das 18.00 proxectaranse os filmes O homem de Trás-os-Montes, de Miguel Moraes Cabral; Longe da Amazônia, de Francisco Carvalho, e Kora, de Cláudia Varejão. Ás 20.30 haberá un xantar popular e ás 21.30 poderá verse o filme Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras Gallego.