O rali de coches históricos pasará por Santiago pero sen exhibición no Obradoiro

La Voz SANTIAGO

SOBER

Desde a proba lamentan que veciños e visitantes non poidan ver estas xoias da automoción pola negativa do goberno local a conceder permiso para mostralas na praza

19 jun 2025 . Actualizado á 13:40 h.

O Rali Terras do Incio de vehículos históricos arrincou onte en Sober, para percorrer Galicia ata o próximo día 24. Esta duodécima edición volverá reunir auténticas pezas de museo dos anos 50 e posteriores, con marcas de referencia na industria automobilística como Ferrari, Maserati, Xaguar, Aston Martin ou Mercedes. Mañá venres os participantes incluirán no seu itinerario Santiago, onde visitarán o Museo das Peregrinacións, para facer noite na Costa da Morte, no parador de Muxía.

Negativa do Concello

Desde a proba lamentan que «desafortunadamente nesta ocasión os veciños e visitantes de Santiago non poderán gozar destas xoias de catro rodas pola negativa do goberno municipal a autorizar a súa exhibición na Praza do Obradoiro», unha contorna maxestosa para mostrar uns vehículos que forman parte da historia da automoción.