Manuel Blanco, escritor: «Estou influído pola poesía oriental, Novoneyra e a lírica grega antiga»

RIBAS DE SIL

Natural de Ribas de Sil, Blanco publica unha antoloxía na que reúne poemas xa publicados e outros inéditos
31 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.No 2022 publicouse o primeiro libro de poemas de Manuel Blanco López (Ribas de Sil, 1957), escrito en castelán e titulado Varaderos. Ao ano seguinte apareceu o seu primeiro poemario en galego, Versos do té. A editorial Medulia publicou recentemente Tempo entre palabras, unha antoloxía que recolle textos aparecidos nos dous libros anteriores —con versións en galego dos poemas de Varaderos— e outros que forman parte de catro poemarios inéditos, Días sen beleza, Onde medra o musgo, Acacias en flor e Sobre a terra prometida. Hai varios meses, Blanco publicou tamén unha obra de literatura infantil, Vacacións na casa do tío Drácula, ilustrado por Naír Fuentes.
—Por que escolleu esta forma de publicación?
—Escribo poesía desde hai moitos anos, pero empecei a publicar tarde, despois de xubilarme do meu traballo de profesor. Cando tiven máis tempo libre, encontreime con que tiña escrito varios libros de poemas. Xa publiquei dous deles, pero hai outros que seguían inéditos. Agora decidín reunir unha pequena antoloxía que recolle textos xa publicados nos anteriores libros e outros que forman parte das obras inéditas. Procurei escoller o máis representativo de cada poemario para dar unha idea aproximada de cada un deles.
—Os seus poemas son textos breves, nalgúns casos moi curtos.
—Os poemas dos dous primeiros libros son algo máis longos, pero os demais son moi breves. Intento denudalos e que sexan o máis directos posible. Nese sentido creo que hai unha influencia de Uxío Novoneyra, un poeta que admiro moito e que escribía poemas breves e concentrados. Parece que nese sentido estaba influído pola poesía oriental, polos haikus xaponeses... No meu caso tamén hai unha influencia da poesía xaponesa e chinesa, pero igualmente da lírica grega antiga. Sexa porque os poetas gregos clásicos querían escribir así ou porque só se conservaron fragmentos, os poemas que coñecemos deles son en grande parte textos moi breves. Gústanme moito os poemas curtos e creo que teñen un efecto benéfico.
—Que outras influencias cre que hai na súa poesía?
—Son variadas, como o son as lecturas que un vai facendo ao longo da vida e que sen dúbida sempre deixan pegada. Interésanme, por exemplo, T. S. Eliot, William Butler Yeats, Ezra Pound, Baudelaire, Kavafis... Na poesía galega teño interese por autores como Álvaro Cunqueiro, Antón Avilés de Taramancos, Xulio López Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Chus Pato... Por certo, Avilés de Taramancos, no seu tempo de taberneiro en Noia, dicía: ‘Non son poeta de oficio nin oficial'. Con esas palabras é coas que me sinto máis identificado. Oxalá puidese tamén acadar a altura dalgúns dos seus versos.
—Non ten previsto facer presentacións públicas desta obra?
—Non, como tampouco presentei en público os anteriores libros. Sempre estiven á marxe do mundo literario, das presentacións e todo iso, e ademais é que non me atrae nada a poesía declamada. Non me interesan moitos os recitais cando se trata doutros poetas e non digamos xa se se tratase de recitar os meus propios poemas... Seguramente vendería algo máis facendo presentacións públicas, pero de todas maneiras a poesía sempre é algo minoritario. En cuestión de libros, o que mellor se vende son as novelas, sobre todo os xéneros de misterio, intriga, crime e esas cousas. Todo o demais é para pouca xente.
—Pensa publicar integramente as obras inéditas que figuran en parte nesta antoloxía?
—Creo que estes poemarios poderían valer para ser publicados algún día se houbese unha editorial que se interesase por eles, que aínda non o sei. De todas maneiras, estou contento de que se publicase esta antoloxía, que para min supón un pouco como pechar un ciclo. Os textos que figuran neste libro son dunha etapa anterior e agora estou escribindo outras cousas.
—Está traballando noutras obras?
—Estou escribindo un libro que aínda non sei ben en que consistirá. Creo que é unha cousa a medio camiño entre a poesía e a novela. Hai poemas, pero tamén hai textos máis narrativos. Esta obra está ambientada en parte na miña infancia pero tamén en épocas anteriores das que falaban os meus maiores, das lembranzas da Guerra Civil... Tamén teño unha novela na que traballo desde hai moitos anos e que espero terminar algunha vez.