Este ano celebrarase por primeira vez na capital do municipio e non será en maio, senón a finais de marzo
21 ene 2025 . Actualizado á 19:23 h.A Mostra do Aceite de Quiroga, que chegará este ano á súa 25 edición, cambiará de escenario por primeira vez na súa historia e tamén se celebrará nunha data diferente á dos últimos anos. Así se decidiu nunha reunión que mantivo o pasado luns o alcalde, José Luis Rivera, con varios produtores locais e técnicos municipais. O festexo gastronómico celebrarase esta vez na capital municipal, aínda que se manterán as tradicionais demostracións de elaboración de aceite de oliva no muíño artesanal do lugar dAs Farrapas, na parroquia de Bendilló. Para que os asistentes poidan presencialas ofrecerase un servizo de autobús desde Quiroga.
Os postos de venda de aceite de oliva instalaranse na praza do auditorio municipal, o que favorecerá —indican desde o Concello— a utilización das instalacións que o rodean, como o museo etnográfico, o albergue municipal e o propio auditorio.
Doutra banda, a mostra xa non se celebrará en maio —como se facía nas anteriores edicións—, senón en marzo. Para dar cabida a todas a programación, o festexo non se centrará nunha soa xornada. O día principal será o 30 de marzo, pero o 29 pola tarde haberá actividades dirixidas por especialistas en aceite de oliva.
A partir de agora, din así mesmo desde o Concello, celebraranse varias reunións cos colleiteiros para perfilar un programa «que se pretende ambicioso». Durante as xornadas de celebración da mostra, engaden, «levaranse a cabo actividades que acheguen este sector á poboación, que se darán a coñecer a medida que se peche o programa».