
Medio Rural rebaixa a 1.805 hectáreas a superficie queimada, das que o 84% son árbores
28 sep 2025 . Actualizado á 17:19 h.Os servizos de extinción dan por controlado o incendio forestal que empezou no canón do Sil á altura de Pombeiro (Pantón) e desde alí estendeuse á desembocadura do Cabe e ao veciño municipio de Sober. Anunciouno este sábado a Consellería do Medio Rural, que no último reconto de superficie afectada afina á baixa a cifra inicial de 2.000 hectáreas e déixaa en 1.805.
O incendio empezou ás dúas e cuarto da tarde do xoves 18 de setembro e quedou estabilizado o luns día 22. Os responsables do dispositivo que traballa sobre o terreo sobre o terreo dérono por controlado este sábado ás doce menos vinte da mañá, 11 días despois do seu inicio.
Este parte da Consellería do Medio Rural inclúe a primeira relación de superficie queimada en función das súas características. Das 1.805 hectáreas que arderon 1.517 son arborizadas e 288 de monte baixo. Por tanto, só o 16% do que queimou este incendio é matogueira e o 84% son árbores, entre os que se contan moitas plantacións de piñeiros, algunhas manchas de eucalipto e tamén carballos, castiñeiros, bosque de ribeira e unha superficie considerable de viñas.
O lume provocou o desaloxo de numerosos pobos nas dúas beiras do canón do Cabe e queimou dez casas, nove na aldea de Budián e unha na de Acedre, as dúas no municipio de Pantón.
A zona especial de conservación do canón do Sil
Aínda que non aparece especificado neste último reconto da Consellería do Medio Rural, unha parte importante da superficie carbonizada está dentro de terreo medioambientalmente protexido, na denominada zona especial de conservación do canón do Sil.
Esta área foi declarada lugar de interese comunitario (LIC) no 2006 e ZEC no 2014. Quedan dentro desta área protexida 5.914 hectáreas situadas nos municipios de Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.
No Sil, a zona ZEC limita o oeste con Vos Peares e ao este con Portabrosmos (Sober). Pero aínda que esta zona protexida denomínase canón do Sil tamén inclúe o tramo final do río Cabe, nas súas dúas beiras e desde Canaval (Sober) ata a súa desembocadura.
De todos os xeitos, a zona acadada por este incendio non é a que se ve desde os barcos turísticos que fan os seus percorridos polo canón do Sil. Todas esas rutas teñen os seus itinerarios dentro do encoro de Santo Estevo. A presa dese encoro está a un quilómetro e medio de distancia augas arriba da zona queimada.
Estabilizado, controlado e extinguido: estas son as diferenzas
Na terminoloxía que utilizan os servizos de extinción de incendios forestais, a diferenza entre estabilizado e controlado é que no primeiro deses casos o lume non ten frontes que o fagan avanzar libremente.
Se está controlado é que todo o perímetro está rodeado por unha franxa asegurada, con terreo que non ten vexetación ou no que a vexetación xa está queimada. Nesta situación pode conter puntos quentes dentro do seu interior. Estará extinguido cando xa non haxa posibilidades de que rebrote.
Os medios despregados sobre o terreo
En todos estes días, neste incendio traballaron 25 técnicos ambientais, 264 axentes ambientais, 311 brigadas de bombeiros forestais (a maioría da Xunta pero ningunhas tamén do Goberno central), 169 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións, ademais de soldados da unidade militar de emerxencias (UME).