

































Esta localidade despediu as súas festas cunha carreira equina máis accidentada do habitual
06 ago 2025 . Actualizado á 09:25 h.Nun campo de fútbol transformado en hipódromo, Escairón celebrou onte a carreira de burros que sempre pon punto e final ás festas desta localidade. Coas bancadas cheas e o sol apertando, os xinetes —moitos deles máis valentes que experimentados— protagonizaron unha edición máis curta e tamén máis accidentada do habitual. Un dos participantes tivo que ser levado en ambulancia tras un golpe no ombro despois de que o burro o tirase.
Este ano, na 75 edición, houbo menos participación por unha avaría de última hora do camión que levaba a 12 dos 25 burros rexistrados. Os 13 participantes restantes repartíronse en dous grupos clasificatorios para chegar á final. Ás 12.15, o alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, deu o asubío de saída á primeira carreira.
Para moitos a meta non foi chegar primeiro senón facelo sentado amais do burro. O público, expectante e entre risos, puido ver unha edición protagonizada polas caídas. Os burros máis rebeldes puxeron todas as dificultades para que os seus xinetes non acabasen a carreira. A ningúns lles deu por ir en dirección contraria e outros non estaban nada dispostos a deixarse montar.
Ante as miradas de centenares de persoas, deixouse máis que claro que montarse aí non é unha tarefa doado. A bancada soubo en todo momento que aquilo era para xente con moito valor e puidéronse escoitar comentarios como: «Eu non subo aí nin borracho» ou «levo 30 anos vindo a estas carreiras e sempre vexo uns golpes tremendos».
Finalmente, «Dinamita» e o xinete coruñés Sergio Freire gañaron con moita solvencia e sumaron así a súa terceira vitoria consecutiva. Sergio, un experto xa que leva desde os 10 anos montando, explica o seu truco para ter este refacho: «Hai que ter moita paciencia e coñecer moito ao burro. Ademais el xa gañou aquí en Escairón moitas máis veces que eu».ES certo, porque «Dinamita» corría antes con Antonio Aradas, que esta vez montou a «Melendi», o segundo clasificado.
A xornada acabou cunha carreira moi pelexada ata o final con xinetes e burros locais. Coa vitoria de Rubén a lombos de «Pinocho» pechouse o hipódromo ata o próximo ano.