Máis de cen persoas concéntranse en Monforte para condenar o ataque ao futuro centro de menores estranxeiros
MONFORTE DE LEMOS

A escritora Olga Novo leu un manifesto que pide á cidadanía «consciente e solidaria» que reivindique a tolerancia fronte ao odio e o racismo
21 sep 2025 . Actualizado á 16:10 h.Máis dun centenar de persoas concentráronse en Monforte en resposta a unha convocatoria cidadá de repulsa ao ataque con cócteles molotov que sufriu o edificio no que está prevista a apertura do primeiro centro específico de acollida de menores estranxeiros de Galicia. Entre os participantes estaba o xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, en representación da entidade social propietaria do inmoble que negocia coa Xunta o aproveitamento con ese fin das súas dependencias. A escritora da Pobra do Brollón Olga Novo, deu lectura a un manifesto durante a concentración no que apelou á cidadanía «consciente e solidaria» para posicionarse fronte ao racismo e as actitudes de odio fronte aos inmigrantes.
Os asistentes á convocatoria cidadá desafiaron o forte ballón que descargou, tras unha mañá asollada, xusto no momento no que se desenvolvía a concentración. A resposta, segundo indicaron os promotores, foi moi satisfactoria pola coincidencia doutras citas de carácter lúdico e deportivo a esa mesma hora. O club Lemos adiantou precisamente a este mediodía o partido de fútbol que debía disputar o domingo na casa pola coincidencia coa romaría de San Mateo, unha festa de comidas campestres nunha parroquia próxima que baleira tradicionalmente as rúas de Monforte o 21 de setembro.
Durante a concentración na praza de España recolléronse firmas en favor do manifesto co que os convocantes queren «responder pacificamente a un acto de violencia e intolerancia», como foi o ataque que sufriu e a madrugada do sábado o edificio de Prodeme.
Criaturas sen culpa, manifesto cidadán pola solidariedade cos menas
Veciños e veciñas deste Val de Lemos, chamamos á porta das vosas conciencias e dos vosos corazóns. En cada unha das nosas familias hai unha historia de emigración: unha aboa emigrou a Arxentina; una bisavoa, a Cuba; unha tía, a Suíza; un irmán, a Francia... Cada un deles marcho do seu lugariño natal á procura dunha vida mellor para se mesmos e para os seus. Moitos deles marcharon de aquí de pequenos cunha maletiña chea só de miseria e soños. Nos tempos da emigración a América, viaxaban cun billete de terceira en barcos que nalgúns casos nin sequera chegaron a porto. E así algúns dos nosos descansan no fondo dun océano para sempre
Veciños e veciñas deste noso val, somos a cidadanía consciente e solidaria que chamamos á paz social. Declaremos alto e claro que o noso val, que noutrora coñeceu a dureza da emigración, comprende e acolle aos nenos e nenas que hoxe en día chegan desde outros lugares do planeta a procura tan só dunha vida mellor. Son criaturas soas, son nenos nenas como os nosos, coma as nosas. Non son un perigo para ninguén. O verdadeiro perigo son a fame, a falta dun teito, a falta de agarimo. Calquera desas carencias farían de todos nós unha persoa rota e resentida.
Veciños e veciñas deste val, demostremos quen somos, cidadanía digna. Non toleremos o racismo, non sexamos cómplices do odio. Non lle demos as costas á vida nin a quen agora precisa de nós. É o momento de facer de Monforte, de maneira positiva e pacífica, un fogar para este nenos que perderon o seu. Do contrario, perderemos o sentido da humanidade e da decencia. Eu acóllote criatura sen culpa, e douche a benvida a unha vida mellor.