Unha illa de maleza entre edificios en pleno centro urbano de Monforte

Pedro Chico / C.C MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Preocupación na rúa Otero Pedrayo polo estado dun soar

07 ago 2025 . Actualizado á 11:45 h.

Un soar entre dous edificios en pleno centro urbano de Monforte leva anos sen coidar. A proliferación de maleza está descontrolada e preocupa aos veciños. A parcela, rodeada de edificios de vivendas, está na rúa Otero Pedrayo. Hai denuncias presentadas desde hai tempo, pero non parecen dar resultado.

É o que lle parece a Ángeles Bande, que vive nun dos edificios anexos a ese soar: «Levo cinco anos queixándome, pedín axuda ao Concello pero o único que fixeron foi podar as ramas que saían cara á rúa».

Ángeles Bande desde o primeiro momento trasladou o caso ao Concello. A veciña considera que a resposta que recibiu non foi o suficientemente contundente para atallar o problema: «Dixéronme que non poden facer nada para rozala —di—. Non propoñen outras solucións que poidan resolver o asunto dunha vez».

Xa son varios anos e a vexetación prolifera sen control, o que provoca que varias plantas crezan cara aos valos e paredes lindeiros. «Non paran de crecer —asegura esta veciña—, se non as corto invaden parte da miña leira, o valo non pode aguantar todo». Ángeles Bande ten na súa leira traseira unha caseta e teme que o empurre da maleza acabe por facela caer.

Ademais dos problemas estruturais que pode causar a vexetación, Ángeles Bande alerta doutro risco engadido, a proliferación de velutinas. Afirma que non é raro ver avespas preto do seu xardín, xa que a maleza é unha zona perfecta para que críen.

Polo momento, Ángeles Bande continúa facendo fronte ao problema pola súa conta, cortando cada pouco a maleza que traspasa o límite da súa propiedade. Mentres tanto, espera que o alguén tome medidas máis efectivas para resolver unha situación que, segundo asegura, «leva moito sendo unha dor de cabeza».