O Club Lemos ficha ao dianteiro guineano do Barco, Rogerio Pedrés
MONFORTE DE LEMOS

A entidade tamén anuncia a continuidade de Aissa O Jamai
09 jun 2025 . Actualizado á 19:51 h.A dirección deportiva do Club Lemos continúa perfilando o seu persoal para a próxima tempada. A entidade que preside Antonio López confirmou este luns a súa cuarta incorporación.
Trátase de Rogerio Pedrés, futbolista de 26 anos, que chega ao club procedente do CD Barco e con experiencia na Terceira Federación. Pedrés chega ao Lemos para reforzar o ataque co seu desequilibrio e grande un contra un. Con esta fichaxe, o equipo que prepara Edu Rodríguez gaña velocidade e desborde na banda. O futbolista guineano tamén xogou no conxunto dAs Pontes.

No capítulo de renovacións, a entidade lemista tamén confirmou a continuidade de Aissa O Jamai. Sen dúbida, unha boa noticia e unha xestión meritoria, posto que o central marroquí tiña sobre a súa mesa importantes ofertas, non só de Terceira Federación, senón tamén de Segundo.
Pero o xogador está cómodo en Monforte, onde estuda e traballa, circunstancia que fixo que decidise renovar polo Lemos. A súa versatilidade será de novo un valor importante para o equipo. E é que, Aissa achegou moito ao equipo estas tempadas, e o seu técnico priorizaba a súa continuidade pola súa polivalencia.
Máis baixas das previstas
O director deportivo do Lemos, Óscar Moure, está satisfeito co traballo realizado. «Sabiamos as posicións que tingamos que reforzase tivemos que movernos rápido», comenta Moure, que destaca a calidade das fichaxes.
E si, chegarán máis incorporacións. A cifra podería superar as previsións iniciais. «É verdade que haberá máis baixas dás que pensabamos. Algúns xogadores causan baixa porque non contabamos con eles, pero outros vanse porque se ben lles fixemos ofertas de renovación, non seguirán ao non poder compatibilizar fútbol e traballo», engade.
O que tamén está claro é que o club lemista seguirá apostando pola base. E o obxectivo é que tanto os futbolistas que saian do Calasancio como do Monforte se incorporen á entidade que preside Antonio López.