O BNG reclama a continuidade do bar Anchoas, ao que ve máis como «patrimonio emocional de Monforte» que un simple negocio

MONFORTE DE LEMOS

O concelleiro Manuel Luaces sostén que o Concello ten vías legais para parar o seu peche
28 may 2025 . Actualizado á 11:59 h.O BNG de Monforte pide ao Concello que poña en marcha o procedemento administrativo necesario para garantir a continuidade do bar Anchoas. Sobre o chiringuito do paseo do Malecón pesa un expediente urbanístico por falta de licenza administrativa que inclúe unha orde de demolición. O concelleiro do Bloque Manuel Luaces sostén que este local non é só un simple negocio «senón un símbolo de Monforte, un lugar de encontro, cultura e lecer que forma parte do corazón da cidade».
«O Anchoas é patrimonio emocional da veciñanza e non se pode permitir que desapareza por inacción administrativa ou falta de vontade política», argumenta Luaces. No BNG sosteñen que a continuidade deste establecemento de lecer situado ao lado do río Cabe é fundamentalmente cuestión de vontade e que é legalmente posible adaptalo á normativa actual para garantir «que o Anchoas poida seguir aberto, como mínimo, durante os meses de verán, como vén facendo desde 1963».
Os portavoces do BNG de Monforte engaden que ademais de garantir a posibilidade de que o Anchoas siga aberto o Concello debería arrombar esa parte do río, investir en mellorar servizos e potenciar o Malecón como «un espazo de ocio e cultura para todas as idades». «Unha cidade que se di turística -recalca Manuel Luaces- non se pode permitir perder espazos singulares como este».