Aqualia custeará unha nova tubaxe de auga ata os depósitos de Monforte

Luis Díaz
luís diaz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

El alcalde, en el centro, firma el preacuerdo con el responsable de Aqualia, a la izquierda, en presencia del secretario municipal
O alcalde, no centro, firma o preacordo co responsable de Aqualia, á esquerda, en presenza do secretario municipal cedida

O investimento será de 1,6 millóns e a condución irá do monte Cornado a San Vicente

13 jul 2022 . Actualizado á 13:41 h.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o novo responsable de Aqualia en Galicia, Javier García Linares, asinaron esta mañá un preacordo polo que a empresa concesionaria dos servizos de auga e saneamento neste municipio investirá 1,6 millóns de euros en instalar unha nova tubaxe xeral de fundición. O tramo que se renovará é o que discorre entre os depósitos do monte Cornado —aos que se bombea a auga desde a captación da planta potabilizadora da parroquia de Ribas Altas— e os que garanten o abastecemento desde San Vicente, xa no centro urbano.

«Sen renunciar a nada, damos o primeiro paso para que se cumpran os compromisos pendentes entre Aqualia e o Concello de Monforte», declarou o alcalde na rolda de prensa posterior á firma. O preacordo será firme cando reciba, no pleno do próximo 26 de xullo, o preceptivo visto e prace da corporación. Liquidado ese trámite —o equipo de goberno ten unha ampla maioría que garante a súa aprobación—, darase a coñecer o contido do proxecto de execución redactado por unha consultora local de arquitectura.

«O primeiro é que o aprobe [o preacordo con Aqualia] o pleno. Vaise aprobar pola composición da corporación, pero nos non poñemos nunca o carro diante dos bois», dixo Tomé. Aínda que evitou dar por agora unha data de referencia para o comezo das obras, avanzou que estarán en marcha «antes do outono» e que «irán rápido». «Isto é para xa», subliñou.

A nova tubaxe de fundición evitará episodios como o que se produciu en novembro do 2017, cando o centro urbano permaneceu sen auga ao redor de sesenta horas por unha rotura na rede. A avaría rexistrouse baixo o paso a nivel ferroviario de Rioseco, o que dificultou enormemente os traballos de reparación. A condución que custeará Aqualia será independente da actual, construída en fibrocemento e máis proclive por iso ás roturas. «E moi difícil —precisou o alcalde— que haxa roturas nunha tubaxe de función, pero se houbese algún problema sempre habería unha alternativa».

As opcións en caso de avaría serían tres en realidade, xa que cando se produciu a rotura en Rioseco habilitouse un by-pass coa antiga condución de Veiga, na Pobra do Brollón. Co acordo con Aqualia, indicou Tomé, «resolvemos un problema moi importante, porque Monforte xa non vai quedar sen auga potable en caso de problemas coa rede xeral».

O Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo desestimou o febreiro do 2022 un recurso de Aqualia contra o acordo do pleno polo que se lle reclamou o pago de 2,2 millóns pendentes dos investimentos que se comprometeu a realizar ao asinar o contrato no 2001. A sentenza, no entanto, recoñecía un desembolso en obras por parte da empresa de 734.000 euros, polo que a débeda se cifraba en 1,6 millóns.

Novo talante na empresa

O alcalde precisou que o preacordo con Aqualia foi posible grazas ao cambio que se produciu en xaneiro deste ano a cargo da delegación de Aqualia en Galicia. O nomeamento de Javier García Linares como director permitiu, segundo destacou Tomé, «abrir unha nova etapa de diálogo». Por parte da empresa, García Linares dixo que o conflito co Concello de Monforte foi un dos problemas «máis graves» cos que se atopou ao asumir o cargo. Tamén sinalou, doutra banda, que atopou en Tomé «o talante a predisposición ideal para resolvelo». «Foi moi doado —engadiu— chegar a un entendemento [co Concello] e agardo que siga durante moitos anos».

As conversacións iniciadas a raíz dos cambios na dirección de Aqualia en Galicia desembocaron nunha proposta municipal que foi remitida á empresa o pasado 6 de xaneiro e que deu pé á firma do preacordo. «O obxectivo é normalizar a situación e que o investimento sexa útil para os veciños e o Concello», manifestou Tomé. Tanto o Concello como Aqualia manteñen os recursos á última sentenza. A empresa entende que non debe abonar intereses de demora pola débeda e o Concello non renuncia aos 734.000 euros que o xulgado de Lugo dá por investidos.