«Non hai motivo para que a xente deixe de vir ao Courel, porque non hai risco»

FOLGOSO DO COUREL

Un aspecto del incendio forestal de Larouco, a orillas del Sil, visto desde Alvaredos y Montefurado, en el municipio de Quiroga
Un aspecto do incendio forestal de Larouco, a beiras do Sil, visto desde Alvaredos e Montefurado, no municipio de Quiroga CARLOS CORTÉS

Os hostaleiros do municipio de Folgoso consideran que a alarma causada polos incendios non está xustificada neste territorio

19 ago 2025 . Actualizado á 18:55 h.

A proximidade dos incendios forestais á serra do Courel causou numerosas cancelacións de reservas nos establecementos turísticos deste territorio. Con todo, os responsables destes negocios puntualizan que ningún deles ver afectado polo lume nin polo fume. «Non hai motivo para que a xente deixe de vir», afirma a este respecto Marcos Reinoso, presidente da asociación de desenvolvemento local Serra do Courel, que agrupa a gran parte destas empresas.

O pasado venres pola tarde, segundo explica Reinoso, algúns clientes que estaban aloxados en establecementos locais decidiron marcharse cando chegou un sinal de alarma aos teléfonos móbiles no municipio de Folgoso do Courel. «Pero ese aviso non foi porque o lume estivese cerca de aquí, senón porque nese momento houbo contaminación do aire debido a que ardeu unha fábrica no polígono industrial da Rúa de Valdeorras», sinala. «Entendo que houbese alarma nese momento, pero foi un caso puntual e aínda que nos últimos días tivemos algunha mañá con fume dos incendios que veñen doutros lugares, hoxe [por este luns] o ceo está despexado», engade.

Reservas anuladas

Desde entón, debido ao temor aos incendios, rexistráronse anulacións de reservas en diversos aloxamentos turísticos, pero os empresarios consideran que a alarma non está xustificada. O lume, apunta a este respecto Marcos Reinoso, afectou ao veciño concello de Quiroga, unha parte de cuxo territorio forma parte da serra do Courel. Pero o incendio mantívose apartado do propio municipio de Folgoso do Courel, agrega, «e sobre todo da súa parte norte, que é a que ten maior valor ambiental».

O presidente da asociación apunta por outro parte que «ten que quedar claro que as zonas ás que chegaron os incendios están nos límites da serra do Courel e que por agora a xente pode seguir vindo aquí sen ningún problema porque non hai risco a causa do lume nin das fumaredas».

Doutra banda, en opinión de Ángel Jesús Fernández Villarabid, propietario do establecemento de turismo rural Aldea do Mazo, «sería moito máis lóxico e certo dicir que o lume entrou na Ribeira Sacra, porque o municipio de Quiroga si está dentro dese territorio».

O mal recordo que deixaron os lumes do verán do 2022

O municipio de Folgoso do Courel sufriu durante a segunda quincena de xullo do 2022 o incendio de maiores dimensións que se lembra neste territorio. Os lumes forestais, segundo lembra Marcos Reinoso, afectaron á parte sur do territorio do concello pero non á zona norte, que posúe un patrimonio natural de maior valor. «Ese ano tivemos moitas cancelacións de reservas en todo o territorio, a pesar de que a parte norte e a parte central non se viron afectadas», comenta. «Esperamos que este ano non ocorra algo parecido ao que pasou hai tres anos a causa duns incendios que ademais non están afectando ao municipio», di.

A situación que se rexistraba durante a primeira quincena deste mes en canto a afluencia turística, indica así mesmo Reinoso, «estaba sendo máis ou menos a habitual do municipio nesta época do ano, pero se a xente deixa de vir no que queda de agosto polo temor aos incendios, os negocios do sector van sufrir as consecuencias».