
Unha nova ruta conectará Chantada coa praia da Cova, no Saviñao
14 jul 2025 . Actualizado á 13:07 h.Chega a tempada alta para o turismo na Ribeira Sacra e con ela volven funcionar os buses lanzadeira. O consorcio turístico ofrece este servizo gratuíto «como ferramenta de fomento da mobilidade sostible e co fin de reducir a presión turística nas zonas máis visitadas do territorio». Como principal novidade, este ano ponse en marcha unha ruta que conectará a localidade de Chantada, o embarcadoiro do catamarán do Miño en Belesar, e a praia da Cova, no municipio do Saviñao. Esta nova liña súmase ás tres que xa funcionaban con regularidade durante os meses de verán desde o 2023. Todas elas estarán activas desde a segunda quincena de xullo ata finais de agosto.
A nova liña entre Chantada e A Cova, con escala no pobo ribeirego de Belesar, súmase á que comunicaba esa praia fluvial con Escairón, capital do Saviñao, cunha parada intermedia en Arxeriz, a sede do ecomuseo da Fundación Xosé Soto de Fión. Os outros dous buses lanzadeira enlazan, respectivamente, Monforte, Doade e o embarcadoiro de Ponte do Sil; e Castro Caldelas, Abeleda e o pantalán desa mesma ruta de navegación fluvial que está situado na marxe da provincia de Ourense.
«Ao igual que en anos anteriores, as frecuencias das lanzadeiras que conectan cos embarcadoiros están concibidas para dar cobertura ás compañías operadoras de rutas fluviais nos ríos Sil e Miño, que ofertan ata 1.095 prazas diarias», explican desde o consorcio de turismo. Operadoras que funcionan, segundo precisan, «en lugares con escasa capacidade de estacionamento e con problemas recorrentes de conxestión na tempada alta».
A través da web
Esta é a situación que se dá tamén na praia do Miño na Cova e que moveu aos responsables do consorcio de turismo a ampliar este verán o bus lanzadeira de Escairón con outro procedente de Chantada e Belesar. «Os servizos estarán en funcionamento entre o 19 de xullo e o 31 de agosto, mantendo a súa gratuidade. As reservas de praza atópanse xa habilitadas dende a nosa web», detalla a xerente do consorcio, Alexandra Seara.
Ata o de agora, e desde as probas piloto realizadas no 2021, este servizo financiábase con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra, cuxa vixencia finalizou o pasado mes de xuño. O consorcio levou a cabo xestiones coa Xunta que deron pé á firma dun convenio coa Axencia Turismo de Galicia que permite dar continuidade a esta iniciativa.
No municipio ourensán de Parada de Sil, o Concello mantén en funcionamento un servizo de lanzadeira obrigatorio para acceder ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Neste caso o prezo é de tres euros por viaxe e inclúe a entrada ao monumento.
Baixa a media polo incremento de aloxamentos
Segundo os datos facilitados polo consorcio, integrado por representantes dos municipios da Ribeira Sacra e do sector empresarial, o mes de xuño finalizou cun 50% de ocupación neste destino turístico. A cifra é lixeiramente inferior á dos últimos anos, aínda que é un descenso relativo —matiza esta entidade— polo incremento do numero de aloxamentos. De acordo coas súas estimacións, este aumento deu pé a unha ocupación diaria de 5.000 prazas.