O consorcio de bombeiros pechará o parque de Chantada e trasladará efectivos a Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

Bomberos del parque de Chantada limpiando un vertido de aceite en una carretera, en una imagen de archivo
Bombeiros do parque de Chantada limpando unha vertedura de aceite nunha estrada, nunha imaxe de arquivo ROI FERNANDEZ

Os sindicatos do sector denuncian a medida, que cualifican de «inxusta» e «prexudicial»

19 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O consorcio de bombeiros da provincia de Lugo —segundo informaron os sindicatos do sector— decidiu pechar o parque de Chantada e recolocar aos seus efectivos no de Monforte . Con esta medida, de acordo coas mesmas fontes, «Monforte conta con cinco efectivos e Chantada ningún, xa que agora terían que ser atendidos polos bombeiros do parque monfortino, aumentando así os tempos de resposta ante calquera urxencia». A decisión —engaden— «tomouse o día despois en que os bombeiros galegos dos catro consorcios que dan servizo a toda Galicia se manifestaban en Santiago demandando unhas condicións dignas de traballo».

A decisión do consorcio de Lugo —sempre segundo estas fontes— «derívase de que un dos traballadores do parque de bombeiros de Monforte tiña solicitado un permiso laboral que o consorcio non cubriu» Ao quedar ese parque con dous efectivos, agregan, «o consorcio decide pechar o parque de Chantada e recolocar aos seus tres efectivos en Monforte en lugar de pechar o de Monforte». A medida é criticada polos sindicatos de bombeiros, que a cualifican de «inxusta» e «prexudicial para a seguridade dos cidadáns de Chantada e Monforte».

Os sindicatos afirman por outra banda que esta decisión «pon en risco a seguridade dos cidadáns de Monforte e dos municipios da súa zona de actuación, que se verán obrigados a cubrir unha zona de actuación moito máis ampla». Se ata agora —continúan— «o parque de Monforte xa cubría puntos como Seoane do Courel, que require unha hora e cuarto de desprazamento desde Monforte, este parque terá que facerse cargo a maiores da zona de actuación do parque de Chantada, que inclúe municipios como Guntín, Antas de Ulla ou Palas de Rei». Segundo os sindicatos, isto suporá que «os desprazamentos desde Monforte poden demorarse ata unha hora e media», ao que se engade «que os veciños de Monforte quedarían descubertos do servizo de urxencias se os bombeiros teñen que saír a intervir na zona de Chantada».