0003_202202M9C2994

Os chantadinos reciben asesoramento municipal pola revisión dos valores catastrais

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Viviendas y fincas rurales en la localidad de Esmoriz, en el municipio de Chantada
Vivendas e leiras rurais na localidade de Esmoriz, no municipio de Chantada ROI FERNANDEZ

Por Chantada critica a forma en que se realiza a actualización das valoracións

09 feb 2022 . Actualizado ás 10:38 h.

O alcalde de Chantada, Manuel Varela, anunciou que o Concello asesorará a partir de hoxe aos veciños do municipio na actualización dos valores catastrais. O rexedor deu a coñecer esta iniciativa coincidindo cunha petición neste sentido realizada polos representantes de Por Chantada, quen sinalan que os veciños recibiron desde o Catastro un «alude de 4.600 cartas». A formación di a este respecto que «unha empresa subcontratada está, teoricamente, mapeando as ‘zonas brancas' do concello de Chantada para inventariar bens catastrais que ata agora non constaban» e engade que «están procedendo a alterar as superficies e os valores tamén de bens que xa estaban tributando e, na maior parte dos casos, con incrementos dos valores substanciais que practicamente duplican os ata agora vixentes».

Desde Por Chantada afirman por outra banda que a actualización suporá que os veciños do medio rural verán incrementados os recibos anuais que pagan polo imposto de bens inmobles e que «fronte ao uso agrario, que paga menos, hai tendencia a inventariar como ‘garaxes' ou usos ‘industriais' edificacións de uso agrario como pallares, alpendres e outras construcións anexas de escaso ou nulo valor no mercado real». Os responsables da organización consideran «inxusto» que haxa pensionistas que sigan tributando este imposto «por cortes e naves que xa non empregan e que, ao non teren valor de mercado no rural non pode tampouco vender nin arrendar».

Anterior actualización

Por outra banda, os representantes de Por Chantada sinalan que a actualización de valores catastrais que levou a cabo cando Cristóbal Montoro ocupaba o cargo de ministro de Facenda «elevou en máis de 600.000 euros a recadación anual do IBI urbano» e agregan que «agora vólvese a un proceso análogo no cadro da crise da covid-19 e nun medio rural castigadisimo polos prezos do leite que non atinxen os custos de produción, a sarabiada de San Fiz [en referencia á tormenta de saraiba que afectou o ano pasado aos viñedos do municipio] ou o efecto da inflación (6% anual) na maioría das cativas pensións do noso campo».

A formación política, ademais, indica que o Facenda incluíu nos orzamentos estatais deste ano a revisión dos valores catastrais de ata 825.000 inmobles e considera que «é penoso que a urxencia estea nas zonas brancas do medio rural e non nas áreas urbanas ou de maior especulación co prezo da vivenda».