Veciños de Bóveda súmanse a un sistema voluntario de apoio en caso de incendio forestal

BÓVEDA

Organízao o Concello e inclúe un rexistro de cisternas agrícolas, que poden ser útiles para loitar contra o lume
20 ago 2025 . Actualizado á 16:08 h.O Concello de Bóveda está a organizar un sistema de emerxencia con veciños voluntarios para actuar no caso de que se declare un incendio neste municipio. O dispositivo está pensado para apoiar o traballo dos bombeiros forestais e inclúe unha listaxe de cisternas agrícolas e de tractores que poden ser utilizados se é preciso.
O alcalde, José Manuel Arias, explica que desde o Goberno local puxéronse en contacto estes días cos propietarios de cisternas e tractores «para que estean alerta e poidan colaborar ante calquera necesidade relacionada cos incendios forestais que estes días asolan Galicia». Un total de 33 veciños mostraron xa a súa disposición para colaborar.
O alcalde agradece publicamente a boa disposición de todas as persoas coas que contactou para armar este sistema de resposta voluntaria contraincendios. E engade un chamamento a todos os veciños cos que estes días non puideron contactar para que se sumen se queren facelo «a esta chamada á solidariedade por se fixese falla axudar».
No Concello aclaran que non se trata de suplir ao persoal contraincendios das distintas administracións públicas, senón de ofrecerlles axuda no caso de que a precisen. O alcalde explica que dispor deste sistema organizado facilita que no caso de que esta axuda resulte necesaria Bóveda puidese actuar «de forma rápida e coordinada de acordo coas indicacións das autoridades ao mando».
Para rematar, os responsables municipais lembran que nestes momentos non hai ningún incendio activo dentro do termo municipal de Bóveda, pero que toman estas medidas «ante a posibilidade de que apareza algún lume na vila ou nos concellos limítrofes».