Alberto Cacharrón, escritor: «A Ribeira Sacra histórica non debe ser confundida coa turística»

LEMOS

Cacharrón presenta este sábado en Monforte unha obra divugativa sobre este territorio
09 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Ateneo Casino de Monforte acollerá este sábado —ás 20.00 horas— a presentación do libro A Ribeira Sacra histórica, publicado por Teófilo Edicións. O seu autor, Alberto Cacharrón Mojón (Montederramo, 1962), publicou anteriormente nesta mesma editorial outras nove obras de divulgación dentro dunha serie denominada «O teu lugar, a túa historia», da que tamén forma parte este novo libro.
—É historiador de formación?
—Son diplomado en Maxisterio nunha especialidade que xa non existe, a de Ciencias Humanas. Profesionalmente traballo no sector bancario, pero sempre fun un apaixonado da historia, sobre todo da historia de Galicia, da que fun acumulando moita información durante 35 anos. No 2020 presentei dúas maquetas de obras de divulgación histórica en varias editoriais e acabei publicando esta serie.
—De que trata este libro?
—É unha obra divulgativa sobre as orixes da Ribeira Sacra e sobre a súa historia ate o século XIX e principios do XX. Hai que aclarar que a Ribeira Sacra histórica non debe ser confundida coa turística e iso é algo que explico neste libro. Paréceme moi ben que se promova o turismo neste territorio recorrendo á Ribeira Sacra, pero a este destino turístico sumáronselle concellos que non teñen nada que ver coas súas orixes históricas.
—Cal considera que é a Ribeira Sacra histórica?
—Corresponde aos municipios de Montederramo, O Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos e Xunqueira de Espadanedo. Este territorio foi un centro de evanxelización cristiá desde o século VI, nos tempos do reino suevo, como mostro no libro.
—Na súa obra aborda a orixe do nome do territorio?
—Si, o da Ribeira Sacra procede do mosteiro de Montederramo. Máis ben dunha equivocación que cometeu frei Antonio de Yepes, un monxe de Valladolid que viviu entre os séculos XVI e XVII e foi cronista da orde beneditina. Traduciu mal o latín medieval do documento de Montederramo, do século XIII, onde aparece o nome «Rovoyra Sacrata». Yepes pensou que se refería á ribeira dun río, cando en realidade a palabra «rovoyra» aludía a unha carballeira. No libro explico o proceso histórico e lingüístico que levou a formación do nome da Ribeira Sacra. Para preparalo incluso fun buscar a Valladolid a obra orixinal na que Yepes cometeu ese erro que perdura ata hoxe.
—Conseguiu encontrala?
—Si, pero deume bastante traballo. Primeiro comprei tres volumes dunha edición da historia da orde beneditina de Antonio de Yepes, pero en ningún deles viña o texto que contiña o documento de Montederramo. Preguntei en Valladolid para ver se podería consultar a obra orixinal e dixéronme que buscase na biblioteca da Facultade de Historia. Alguén díxome que iso era como querer consultar o orixinal do Códice Calixtino, que era algo moi complicado, que facían falta moitas autorizacións... Pero despois resultou que acababan de dixitalizar ese volume e así foi como puiden acceder ao texto orixinal de Antonio de Yepes no que figura ese erro de tradución
—A que público se dirixe a obra?
—Como todos os demais libros da serie «O teu lugar, a túa historia», está pensada para que poida ser entendida por lectores de todas as idades, desde un rapaz de 12 anos ata un señor de 90. Para preparar esta obra consultei moitos outros libros e moitos arquivos históricos, pero presento todo dunha forma moi sinxela e resumida, cun propósito moi didáctico, para que non resulte un ladrillo. Ningún volume desta serie supera as 50 páxinas e todos eles conteñen ilustracións que ofrecen como unha segunda lectura do libro. Neste caso as ilustracións son obra de Manuel Gómez Meijide, un xove artista de 22 anos.