Alberto Fafián, adestrador do CB Chantada: «Nunha liga de 14 na que baixan cinco equipos non pasar apuros xa é un éxito»

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O técnico admite que as lesións condicionaron os resultados do plantel

30 may 2025 . Actualizado a las 17:40 h.

Tempo de reflexión no Ucoga Seguros CB Chantada. O adestrador, Alberto Fafián, analiza a tempada e puntúaa cun «notable». O técnico sostén que as lesións foron determinantes e condicionaron o rendemento e os resultados do equipo na Terceira FEB. Agora, xa toca pensar na vindeira tempada.

—¿Un quinto posto, rematada a tempada que balance podes facer dela?

—Cualificaría como notable o rendemento xeral do equipo. Temos que contextualizar a un plantel de xogadores moi novos nunha liga moi esixente, na que non tivemos sorte coas lesións de Chus, Aarón, Nilo e Carlos. Isto condicionou moito o día a día sen deixar de ser competitivos.

—A nivel de clasificación, esperábase algo máis deste equipo?

—Entendo que no imaxinario colectivo de Chantada están recentes as cinco fases de ascenso, os dous títulos de liga regular e as cinco Copas Galicia consecutivas. Pero temos que ser realistas: os catro equipos que nos preceden na clasificación son Gijón, Marín, Salamanca e Ávila. Podedes imaxinar a diferenza orzamentaria e de medios en relación a estas cidades. Nunha liga de 14 equipos, da que descenden cinco, non pasar apuros xa é un éxito para un equipo dunha vila como a nosa. Tamén temos que ter en conta que dos 11 xogadores do plantel cinco son sub-20, dous sub-22 e tan só catro veteranos.

—Considera que a lesión de Carlos Noguerol foi decisiva no tramo final da competición?

—Carlos é o xogador referente no noso equipo, tanto en anotación coma en aspectos intanxibles do xogo. Non poder contar co teu mellor xogador no tramo final foi un duro golpe para todos. Pero xa antes, as lesións de Aarón, Nilo e Cris condicionaron moito o noso rendemento. Cando saes a competir cun plantel tan xusto, coas limitacións de sesións de adestramento que temos en relación a outros equipos da liga e con xente nova, calquera contratempo ten un gran impacto no rendemento grupal. Ter en conta tamén que fomos un dos poucos equipos da liga que non se reforzou ao longo da tempada. Gijón, Salamanca, Marín e Ávila foron incorporando xogadores; nós rematamos cos mesmos 11 que empezamos en agosto.

—Había anos que non se perdían seis partidos seguidos. Como viviches ese momento?

—Pois non lembro perder tantos partidos seguidos. Asúmoo de xeito natural, entendo que o deporte é así: unha lesión e a posterior perda de confianza poden cambiar todo o escenario. O importante é que o equipo conseguiu reaccionar. Isto foi unha aprendizaxe para todos. Para min foi máis sinxelo ao ter ao meu lado a Alberto Gómez e Iago Acevedo. Importante tamén o apoio da nosa afección neses momentos, recoñecendo o traballo dos rapaces a pesar do resultado final.

—E xa pensando na vindeira tempada, seguirá Alberto Fafián liderando o equipo?

— Aínda estamos en maio. O que queres agora é desconectar despois de meses de traballo. É tempo de que Chicho e a súa xunta directiva acaden os apoios necesarios cara o ano que ven, renovación de patrocinios, cadrar contas, en definitiva, o traballo máis duro para que todo isto poda ser posible. Despois toca traballar para organizar o campus de verán para os mais pequenos.

Falaremos nuns días e decidiremos, como xa teño dito mais dunha vez síntome cómodo e respectado traballando xunto a esta gran familia, xuntarémonos e

veremos que é o mellor para o equipo. Xogadores coma Manu Ruano, Anxo Casais, Alan Vizcaino,Martín Alvarez, Fabio Canitró teñen que ser a base do futuro.