
Usuarios habituais do vial critican as actuais obras de reparación
29 may 2025 . Actualizado á 13:53 h.As obras de mellora que levan a cabo actualmente na estrada N-540 non convencen os usuarios habituais deste vial. Ese é o parecer de José Antonio Núñez, profesor do instituto Val do Asma de Chantada, que o percorre con gran frecuencia. «Vivo en Lugo e vou traballar a Chantada todos os días, así que podo ver como se están desenvolvendo as obras», explica. «A min paréceme que a reparación se está facendo moi mal e que non se está cumprindo o que dicían que se ía a facer», engade.
Durante os seus percorridos pola N-540 entre Lugo e Chantada, Núñez foi tomando unha serie de fotografías e imaxes de vídeo que mostran os diferentes defectos que percibe nas obras de reparación. «No tramo do Picato, preto de Lugo, reasfaltaron o firme o ano pasado pero deixaron o carril de aceleración sen reparar e paréceme que agora se está facendo o mesmo na subida cara a Chantada», di o profesor. «O aspecto que teñen as obras non é o dunha reparación íntegra, senón o dun parcheado», agrega.
Por outra banda, Núñez critica o asfaltado das beiravías en diversos tramos do vial nos que xa se realizaron traballos de reposición do firme. «O asfalto non se está repondo ata o límite da estrada, senón que queda unha parte sen cubrir, de maneira que o que está a quedar agora nas beiravías é unha serie de chanzos», explica. «A medida que se repón o asfalto vaise reducindo o terreo da estrada e as beiravías achícanse», engade.
Novas fochancas
O docente sinala doutra banda, que nun tramo situado preto de Lugo que foi reparado o ano pasado xa están a aparecer novas fochancas. «Pode verse unha fochanca dun tamaño considerable nunha zona onde se repuxo o firme en xullo do 2024 e non é normal que nun tramo de estrada que foi renovado fai tan pouco tempo o asfalto xa se estea abrindo de novo», di.
José Antonio Núñez lembra por outra banda que as obras de reparación da N-540 renováronse a finais do pasado abril tras un parón de dez meses e despois de que se organizasen en Chantada varias manifestacións para reclamar a reparación do vial. «Cando anunciaron as obras dicían que se faría unha pavimentación total da estrada, pero o que se está vendo por agora non é iso, senón un parcheo que dista moito do que se dixo que se ía a facer», di. «Os que viaxamos por esa estrada todos os días podemos ver que a reparación que se está facendo non se parece en nada ao que se anunciou», insiste.
«Creo que deberían pensar en rebautizarla e chamarlle ‘estrada do inferno'»
O profesor do instituto Val do Asma sinala que, ademais do elevado risco de accidentes, o estado de deterioración que sofre desde hai anos a N-540 causou numerosos problemas e gastos aos condutores. «Eu tiña un coche totalmente novo e ao pouco tempo tiven que repintar os laterais a causa dos danos causados polas pedras na chapa, ademais que unha vez rompeume o parabrisas», di. «Iso sen contar cos centos de rodas de coches que quedaron esnaquizadas durante os últimos anos ao circular por esa estrada», agrega.
Núñez considera así mesmo que os accidentes de tráfico causados polo mal estado da N-540 son máis numerosos do que se supón. «O Goberno acaba de recoñecer que o ano pasado houbo 53 accidentes provocados polas fochancas nesa estrada, pero a min paréceme que a cifra real ten que ser moito maior», comenta. «Tendo en conta o estado en que se atopa desde hai moito tempo, creo que deberían pensar en rebautizarla e chamarlle ‘estrada do inferno' no canto de N-540», apunta.
A xuízo de Núñez, os traballos de reparación que se executan actualmente no vial non se corresponden co seu avanzado estado de deterioración. «Supoño que estas obras farán algo, pero para arranxar unha estrada tan esnaquizada habería que actuar dunha forma máis intensa e non limitarse a facer parches», conclúe.