O Korbis perdeu ante o Elxe e xogará polo bronce

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A lesión do colocador, Pena, pasou factura aos monfortinos, que comezaron gañando

11 may 2024 . Actualizado á 20:40 h.

Non puido ser. O equipo cadete masculino do CV Korbis non estará na final do campionato de España. As mozos promesas que dirixe Miguel Ángel da Gama sucumbiron no partido de semifinais ante o CV Elxe por 1-3 (25-20, 23-25, 16-25 e 22-25).

Esta derrota non embaza para nada o excelente campionato de España que están a certificar os mozos xogadores monfortinos, que este domingo ás dez da mañá loitarán pola medalla de bronce.

A pesar de caer derrotados nas semifinais, as mozos promesas do Korbis disputaron un gran partido. De feito, comezaron gañando o primeiro set, e fixérono con autoridade. O segundo perdérono por tan só dous puntos. E foi ao final deste xogo cando o colocador titular do cadro monfortino, Pena, resentiuse da súa lesión de boneca. Esta circunstancia fixo que tivese que deixar a pista. No seu lugar entrou o infantil Mario Francés, que rendeu a un bo nivel.

No entanto, a lesión de Pena foi un mazazo para os seus compañeiros, que viron como o Elxe levaba o terceiro set con claridade. Intentaron reaccionar os monfortinos no cuarto, xogo que estiveron a piques de levar. Finalmente cederon.

Este domingo, o Korbis buscará o desquite ante o Sabadell, que foi o equipo que lles gañou na primeira fase. «Imos a por todas. Non puido ser o de estar na final, pero confío en que poidamos conquistar a medalla de bronce», comenta o capitán do Korbis, Izan Rodríguez, que está a marcar as diferenzas.