As comparsas de fóra levaron os premios no desfile de disfraces de Chantada

La Voz

LEMOS

Sober, Bóveda, A Pobra do Brollón e O Incio tamén adiantaron as celebracións ao sábado

12 feb 2024 . Actualizado ás 11:41 h.

O tempo non foi finalmente tan fero como o pintaban, pero a ameaza de choiva obrigou a trasladar os desfiles de entroido a recintos pechados, ou polo menos a recorrer a eles para o fin de festa e a tradicional entrega de premios. O sábado de Entroido celebrouse ao grande en Chantada, Sober, Bóveda, A Pobra do Brollón e O Incio. En Chantada houbo chocolatada tras o desfile e en Sober e O Incio rematou con degustacións de cocido nos respectivos pavillóns municipais.

No desfile de disfraces de Chantada, o máis concorrido, ademais de comparsas locais, participaron outros grupos chegados de Monforte, O Carballiño ou Maside. Foron precisamente as comparsas de fóra as premiadas en adultos. Como en anos anteriores os personaxes do Entroido Ribeirao abriron as actuacións da tarde. Na categoría absoluta os premios foron, por esta orde, para Carrusel (Maside), 1.000 euros; Noite de estrelas (O Carballiño), 700 euros; Circo Troula (Monforte), 500 euros; e A túa cara sóame (tamén de Monforte), 300 euros. Concursaron ademais Os auténticos artistas, Batukada Os Chaíños e Ken fora Barbie, todas de Chantada.

Este ano o Concello de Chantada repartía 5.000 euros en premios e entregaba 1.000 euros máis en axudas á participación. Do mesmo xeito que en adultos, a categoría infantil do desfile contou con grupos chegados de fóra, concretamente de Palas de Rei e Antas de Ulla. Nesta categoría obtiveron premio as catro comparsas participantes: A Perla Negra (Antas de Ulla), 1.000 euros; Mamma Mía, vaia tolería!!! (Chantada), 700 euros; África tribal (Palas de Rei), 500 euros; e Vaia circo (Chantada) 300 euros.

Ao termo do desfile celebrouse unha chocolatada popular coa actuación de orquéstraa Trevo. A celebración segue esta tarde en Santiago de Arriba , co Entroido Ribeirao, que terá continuidade co Martes de Entroido para pechar as festas.