Só dous candidatos vinculados ao sur de Lugo van en postos claros de saída

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Raquel Arias vota en Sober en una de las últimas elecciones gallegas
Raquel Arias vota en Sober nunha das últimas eleccións galegas ROI FERNANDEZ

PP, BNG e PSOE xa fixeron públicos os nomes das 57 persoas que integran as candidaturas que presentan por esta provincia

16 ene 2024 . Actualizado ás 20:52 h.

As tres forzas políticas que conseguiron representación no Parlamento de Galicia nas eleccións do 2020 fixeron pública xa a composición íntegra das súas candidaturas pola provincia de Lugo. Son listas compostas 57 persoas, 19 en cada un das tres, as 14 primeiras para os 14 escanos en xogo en Lugo e 5 máis como suplentes. Entre eses 57 nomes, hai10 que están vinculados directamente a municipios do sur da provincia. E só dous van en postos que se poden considerar de saída probable.

O Partido Popular foi a última destas tres formacións en facer pública a composición da súa candidatura provincial. Os populares conseguiron fai catro anos 9 escanos por Lugo e no que se refire a eses nove primeiros postos sabíase xa que lista a encabezaría Elena Candia, que o segundo sería Javier Arias e que José Manuel Mato iría de 5. Este luns sóubose ademais que neses nove primeiros postos estarán tamén Cristina Sanz, Raquel Arias, José Manuel Balseiro, Enrique Barreiro e Encarna Amigo. Ademais de Javier Arias e José Manuel Mato, o outro debutante é Enrique Barreiro, concelleiro en Friol , que se estrea nunha candidatura ás eleccións galegas e entra directamente nun dos postos que parecen de elección segura.

Nesta candidatura repiten todos os que foran elixidos de forma directa fai catro anos, cando o PP obtivo nove escanos por Lugo, menos o monfortino Francisco Conde, agora deputado no Congreso; o lucense Ramón Carballo; e Daniel Conde, elixido alcalde de Ribadeo tras as eleccións municipais do 2023.

Hai ademais dúas parlamentarias que non repiten como candidatas: Sandra Vázquez, presidenta do PP en Vilalba e actual secretaria xeral de Igualdade en funcións; e a chantadina Susana López Abella, que no 2023 renunciou a seguir como secretaria xeral de Igualdade tras 10 anos como responsable dese departamento da Xunta.

Ademais, a monfortina Katy Varela, que entrou no Parlamento tras a saída de Daniel Conde para ocupar a alcaldía de Ribadeo, volve ocupar o posto número 11. Se se repetisen os resultados do 2020, terían que renunciar aos seus escanos dous dos candidatos que ocupan os postos altos.

Raquel Arias, de Sober , e Katy Varela, de Monforte , son as únicas candidatas do PP que son da metade sur da provincia. E delas, só Raquel Arias parece ter asegurado o escano se se consideran postos de saída os nove primeiros desta lista.

Raquel Arias é xornalista e entre 1999 e o 2009 foi alcaldesa de Sober, municipio no que agora é concelleira, un posto que compatibiliza desde o 20212 cun escano no Parlamento de Galicia. Como o PP tivo nove deputados en Lugo no 2020, todo apunta a que Raquel Arias conservará o seu escano en Santiago.

En canto a Katy Varela, debutou en política como cabeza de lista do PP nas eleccións municipais do 2019 e desde entón é concelleira neste Concello. É avogada e ocupa un escano no Parlamento de Galicia desde que ocupou no 2023 o que deixou libre a vilalbesa Sandra Vázquez polo seu nomeamento á fronte do departamento de Igualdade da Xunta.

Os cinco do BNG

En canto ao BNG, a segunda forza con máis votos no 2020, leva nesta nova candidatura a cinco persoas residentes no sur da provincia de Lugo ou vinculados directamente a esta zona.

Unha destas persoas é tamén una das novidades desta candidatura. Trátase de Montserrat Valcárcel, que foi vicerreitora do Campus de Lugo entre o 2018 e o 2022. Residente na capital da provincia, pero nacida no Incio, é doutora en enxeñería agroforestal e profesora desde 1997 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo, pertencente á USC.

É a única independente da candidatura do BNG por Lugo, porque non está afiliada, e ocupa o terceiro posto, tras Olalla Rodil e Diego Castro.

Montserrat Valcárcel substitúe nese terceiro lugar a Carme Aira, a terceira deputada autonómica que tivo o BNG pola provincia de Lugo no 2020. E dáse a circunstancia que, igual que Montserrat Valcárcel, Carme Aira tamén vive en Lugo e é natural do Incio.

No cuarto posto figura Iago Suárez, outra das novidades desta candidatura. Tradutor e xornalista, é de Chantada e ata hai pouco formaba parte do consello comarcal do BNG no sur de Lugo en representación de Galiza Nova.

O oitavo local ocúpao Alexandre Varela Rubián, de Taboada, que debuta nunhas eleccións autonómicas, pero que no 2023 xa foi quinto na candidatura das eleccións municipais e suplente na das xerais.

Máis abaixo, no posto número 11 aparece Rosana Prieto, concelleiro en Pantón e responsable comarcal do BNG para o sur de Lugo. E a cuarta achega do sur de Lugo nesta lista é Manuel Luaces, que vai como segundo suplente. É concelleiro en Monforte desde as eleccións municipais do 2023 e traballa como profesional no ámbito da diversidade funcional.

Un Tomei, de cuarto

E finalmente, os socialistas levan na candidatura que encabeza José Ramón Gómez Besteiro a tres persoas residentes no sur da provincia de Lugo.

O que figura máis arriba é o monfortino Miguel Tomei, que é o cuarto despois de Besteiro, Lara Méndez e Mayra García. Tomei é o fillo do alcalde de Monforte e presidente da Deputación, José Tomei, foi concelleira no mandato 2019-2023 e traballa en Unións Agrarias. O PSOE sentou no Parlamento de Galicia a dous representantes pola provincia de Lugo nas eleccións de fai catro anos.

O segundo é o chantadino Jaime Losada Sobrado, que vai de sexto. Esta é a súa primeira vez nunha candidatura dunhas eleccións autonómicas, pero xa ocupou a quinta posición na lista coa que o PSOE se presentou ás municipais do 2023 en Chantada.

Para atopar ao terceiro candidato do sur de Lugo hai que baixar ata o número 10. Nese posto está Roberto Castro, tenente de alcalde en Ribas de Sil.