Máis de cen novos minerais e fósiles para o museo de xeoloxía de Quiroga

LEMOS

El geólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco, a la izquierda, con el alcalde de Quiroga, José Luis Rivera
O xeólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco, á esquerda, co alcalde de Quiroga, José Luis Rivera CEDIDA

O geoparque recibe unha importante doazón do xeólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco

08 oct 2023 . Actualizado ás 16:11 h.

O museo municipal de xeoloxía e paleontoloxía de Quiroga —o único de Galicia no seu xénero— acaba de incrementar os seus fondos cunha importante doazón. O xeólogo e paleontólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco —natural de Rábade— formalizou a entrega dunha colección de minerais e fósiles recollidos por el durante anos en diferentes partes do mundo. O conxunto comprende máis dun centenar de pezas que os responsables do museo cualifican de «espectaculares». O alcalde José Luis Rivera recolleu a doazón en nome do geoparque Montañas do Courel, a cuxa rede museística pertencen os museos de xeoloxía e etnografía do municipio.

Juan Carlos Gutiérrez-Marco, investigador do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e antigo director do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España —indican os responsables do geoparque— «sempre estivo presente e moi pendente das actividades relacionadas coa xeoloxía e a paleontoloxía» que impulsou durante anos o grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra —máis tarde Ribeira Sacra-Courel— e prestou «apoio e asesoramento técnico para o impulso da estratexia que culminou co recoñecemento das Montañas do Courel como xeoparque mundial da Unesco».

Primeiro miradoiro

Un artigo seu publicado en La Voz no 2002 —engaden desde o geoparque— «foi o que propiciou que se reavivara o interese polo sinclinal deitado das Montañas do Courel e se construíra un miradoiro no ano 2003 nas inmediacións da aldea de Campodola», no municipio de Quiroga. Este miradoiro foi a primeira infraestrutura do que acabaría sendo o geoparque, recoñecido como tal pola Unesco en abril do 2019.

No 2022, por outra banda, o museo xeolóxico de Quiroga, puxo en marcha a chamada «XeoBiblioteca», composta principalmente por libros e coleccións de revistas científicas que Gutiérrez-Marco foi proporcionando ao centro ao longo dos últimos anos. Moitas destas publicacións foron cedidas por compañeiros e amigos do científica. « Esta iniciativa, que tivo certa repercusión, xa espertou o interese de varios profesores galegos que cederon tamén algunhas publicacións para esta biblioteca», apuntan os responsables.

Desde o 2011

O museo de xeoloxía e paleontoloxía de Quiroga, construído por iniciativa do Concello, foi inaugurado en decembro do 2011. A finais de agosto do 2020 foi reinaugurado despois de pasar por unhas importantes obras de ampliación.

Horarios

En días laborables, o museo abre de 11.30 a 13.00 horas. Os sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 12.00. Para realizar visitas guiadas fóra destes horarios —para grupos de dez ou máis persoas— pódese concertar unha cita previa no teléfono 982 435 125 ou ben solicitala na Casa de Cultura de Quiroga. A entrada custa un euro, tanto para os adultos como para os menores. O Concello de Quiroga creo recentemente unha nova web -na dirección museosquiroga.org- na que se ofrece información sobre este museo, sobre o de etnografía e sobre as rutas culturais Arte no Ar, que comprenden un itinerario dedicado á arte urbana e outro sobre escritores relacionados con Quiroga.