Nace en Monforte a primeira liga inclusiva de pádel de Galicia

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A competición, que promove Prodeme, comezará o vindeiro sábado

27 ene 2023 . Actualizado ás 20:30 h.

Os deportistas de Prodeme xa poderán competir oficialmente en pádel. E é que en Monforte nace a primeira liga desta modalidade deportiva de Galicia. Botará a andar nunha semana, e os partidos disputaranse nas instalacións do Pádel Monforte.

A idea xurdiu dos monitores de Prodeme encabezados por Manuel Luaces, que loitou intensamente para que a competición fose unha realidade. «Levabamos dous anos adestrando cunhas escolas de Special Olimpics Galicia. Vos sábados pola mañá acudiamos ás pistas de Lemos Pádel para xogar. Aos nosos rapaces gustoulles tanto este deporte que analizamos a situación e tomamos a decisión de darlle forma a unha competición», comenta Manuel Luaces.

Tras facer as correspondentes consultar e xestións con organismos e coa Federación Galega de Pádel deron o paso. «Este ano decidimos crear unha liga inclusiva de pádel en Monforte, que é a primeira que se disputará en Galicia, e polo que teño entendido mesmo pode ser que non haxa ningunha non resto de España», engade Luaces.

Serán oito os deportistas de Prodeme que competirán e farano con outros oito voluntarios desta asociación. «As parellas quedarán formadas por un rapaz con discapacidade e un voluntario, que xogará con eles», di.

Manuel Luaces ve aos seus deportistas moi ilusionados. Confía en que a competición funcione, e en función do que pase, a idea é abrila a outros colectivos. «Podemos dicir que esta liga, que terá unha duración de cinco meses, será de proba ou ensaio. E lla cousa funciona, a idea que temos é abrila a outras asociacións e centros», puntualiza o monitor de Prodeme.

Os participantes

Os deportistas de Prodeme que participarán nesta liga de Prodeme serán os seguintes: Dulce María Rodríguez, Lucía Montero, Javier Cortiñas, Pedro Fonseca, Pablo Ríos, Diego Fuentes , Abel Pena e Salvador Fernández. A estes competidores hai que engadir os monitores da asociación, liderados por Manuel Luaces, persoa sobre a que pivota a actividade deportiva.

Os partidos da competición disputaranse os sábados pola mañá. Serán dúas voltas. Polo que respecta ao regulamento, os organizadores aínda están a valorar que normas rexerán esta liga. «Iremos vendo, pero posiblemente haxa algúns trocos con respecto ás ligas convencionais», apunta Luaces.

Ademais de Lemos Pádel, na competición colaborará a Federación Galega de Pádel, moi interesada no proxecto.