O Atlético Escairón superou con solvencia ao líder, o Pol

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

No derbi do Sangoñedo, o Chantada Atlético e a SD Chantada repartíronse os puntos

09 ene 2023 . Actualizado ás 19:25 h.

Este Atlético Escairón vai moi en serio na liga da Primeira Autonómica. Nun partido para enmarcar, os discípulos de Javier Montoto impuxéronse ao líder da categoría, o Pol. Foi un 0-3, pero puideron chegar máis goles, porque ocasións tiveron bastantes.

Os tantos do conxunto do Saviñao marcáronos Asier, Óscar e Antonio. Con este marcador, o Atlético Escairón recupera a segunda praza da clasificación e sitúase a tan só un punto dun Pol que empeza a dar sinais de cansazo.

O conxunto do Saviñao mantén unha importante regularidade na liga. E o feito de contar con futbolistas con experiencia na categoría e na Preferente é un plus importante, que converte aos discípulos de Javier Montoto en claros candidatos ao ascenso. Hai que destacar que na segunda volta, os rivais directos do Escairón visitarán o municipal do Saviñao.

Repartición de puntos no derbi

No derbi local da Primeira Autonómica que se disputou no campo municipal do Sangoñedo houbo repartición de puntos. O encontro acabou co resultado de empate (1-1).

O partido respondeu as expectativas do que é un derbi. Foi mellor a posta en escena da SD Chantada, que, con todo, non foi capaz de finalizar as ocasións das que dispuxo. Na segunda parte, o encontro igualouse, pero foi o Chantada Atlético o que marcou primeiro. Fíxoo César, o goleador da Barrela, no minuto 70.

Non viñeron abaixo os discípulos de Traste, que reaccionaron ben, o que se traduciu no tanto do empate, que foi obra de Xende a falta de cinco minutos para a conclusión do partido.

Este resultado deixa á SD Chantada na terceira praza da clasificación do grupo lucense da Primeira Autonómica con 36 puntos, mentres que o Chantada Atlético é oitavo con 31.

Pola súa banda, o Taboada en partido adiantado ao día de Reis impúxose a domicilio ao Antas. Foi un 0-2, con tantos de Noé e de Miguel. Este marcador deixa aos futbolistas de Manu Rodríguez na undécima posición con 23 puntos.

A próxima xornada

A próxima xornada depara estes partidos: Chantada At-Pontenova, Foz-Escairón, Outeiro-SD Chantada e Riotorto-Taboada.